María do Carme Seijas, nomeada Republicana de Honra 2025 polo Concello da Coruña

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

César Quian

A alcaldesa presidiu o acto institucional de recoñecemento á homenaxeada, veciña da Silva, que este venres cumpre 100 anos

09 abr 2025 . Actualizado a las 15:56 h.

O palacio de María Pita acolleu este mércores o acto institucional de nomeamento de María do Carme Seijas Díaz como Republicana de Honra 2025, distinción impulsada pola comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e o Concello da Coruña. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o encontro acompañada do presidente da CRMH da Coruña, Carlos Babío; a subdelegada do Goberno, María Rivas; xunto con representantes da corporación municipal, entidades veciñais e familiares da homenaxeada.

Maruxa Seijas, que o vindeiro 12 de abril cumpre cen anos, foi recoñecida como símbolo da loita pola liberdade, da resistencia á ditadura e da dignidade popular. «Maruxa foi unha das irmás pequenas dunha familia de oito e como tal, aprendeu non só a compartir, senón a entender a vida non como algo individual, senón como un camiño colectivo» explicou a alcaldesa.

Durante a súa intervención, a alcaldesa definiu a Maruxa como «moito máis ca unha veciña centenaria; unha testemuña viva dun século cheo de loita, dor, esperanza e resistencia», subliñando que a súa vida é tamén «a historia dun barrio que soubo manter a cabeza erguida mesmo nos momentos máis escuros». Así mesmo, lembrou a súa orixe humilde e a historia da familia Seijas, que definiu como «non só a historia dunha familia, senón a historia dun pobo», facendo fincapé na conexión entre Maruxa e a identidade dos barrios.

Rey puxo en valor a memoria como ferramenta de construción de futuro e compromiso democrático: «Se queremos unha Coruña orgullosa de si mesma, xusta, democrática e libre, temos que coidar a nosa memoria histórica, transmitila e poñela en valor porque defendela é tamén defender a cidade».