Listas de agarda para aprender galego na Coruña: «Fun desas rapazas que estivo castigada na escola por falalo»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

O tirón do idioma de Rosalía atrae a alumnos de todos os puntos do globo na Escola Oficial de Idiomas da Coruña

20 ene 2025 . Actualizado a las 09:49 h.

«Cando era pequena, escoitaba moito unha expresión de meu pai moi divertida, ‘‘E logho?’’», lembra cun amplo sorriso Laura Pita. Aínda que vén de Venezuela, o apelido é revelador. Naceu no país caribeño, pero o seu pai era da Coruña. Desde hai un ano vive na cidade e, desde setembro, estuda o curso intermedio de lingua galega na Escola Oficial de Idiomas da Coruña (EOI).

A súa aula é moi cosmopolita. Ten compañeiros de Colombia, Sevilla, o País Vasco ou Ordes. Xubilados e estudantes dunha oposición. «Son mestra, pero para poder traballar aquí preciso o galego. Matriculeime por iso e por lecer. Cheguei de Sevilla hai uns meses porque o meu mozo é de aquí. Os meus avós paternos tamén son galegos e miña nai é de Alemaña», conta María Regueiro. «É máis complexo do que pensaba, a verdade, pero estame gustando», di María.

«Veño de Colombia. Levo 16 anos na Coruña. De galego teño os coñecementos básicos, podo entender á xente, pero inscribinme para mellorar o meu perfil de traballo. Estou nas listas do Sergas como pinche de cociña. Non me parece mal que o esixan e isto é o mellor que podo facer neste momento», asinte Nedi.

Na EOI da Coruña imparten os cinco niveis, do básico, o A2, aos intermedios, B1 e B2, e os avanzados, C1 e C2. En total, suman sobre 200 matriculados (hai dúas aulas por nivel, en horario de mañá e de tarde). A esta cifra hai que engadir os que asisten a cursos específicos, como os do Celga, ou a linguaxe administrativa galega.

«En C2 hai listaxe de agarda. Neste nivel, o máis alto, hai moita xente querendo entrar e non temos profesorado para atender a todo o mundo. No A2, o máis baixo, hai xente que quedou fóra. Isto fala ben do viva que está a lingua entre nós», subliña o docente David Paz Lafuente.

Unha «demanda histórica»

Este curso van a facer posible «unha demanda histórica», incide David Paz. Os grupos de conversa fóra da aula, unha das actividades paralelas coas que pretenden crear vínculos coa lingua, como as visitas ao teatro.

«As motivacións son diversas. Os perfís fálannos de persoas que buscan unha titulación oficial para poder mellorar no seu desempeño laboral e acceder a postos específicos, a persoas que acaban de aterrar e están vendo que é unha ferramenta integradora moi potente», explica David Paz.

«Tamén temos xente da cultura que busca perfeccionar o seu coñecemento, tanto escrito como oral, e galegos que, na educación obrigatoria, non conseguiron perfeccionar os coñecementos como é debido, e veñen para un reforzo», engade outro mestre, Manuel Arca Castro.

El ensina en básico, onde ten alumnos hispanoamericanos, de Ucraína, Xapón ou Irlanda. «Teño 64 anos, estou xubilada, estudo galego por pracer e porque quero integrarme. Levo en Galicia pouco máis dun ano. Son de San Sebastián e a miña vida laboral estivo en Madrid. Gústame falalo», di unha das súas estudantes, María dos Reis Alonso.

Coma ela, Javier, de 70 anos, tamén está retirado da vida activa. El vai xa en intermedio. «O galego é o meu idioma, e estouno aprendendo. Antes sabía só o galego da rúa, agora sei algo máis», destaca este antigo linotipista.

Cando estaba prohibido

«Estou aprendendo galego para falalo coa miña neta e poder facer o imposible porque o noso idioma tarde moitísimos anos en morrer. A prensa ten que dedicarlle máis espazo e a Xunta máis recursos. Cando era rapaza, no colexio, non se podía falar, estaba prohibido. Tiven unha mestra marabillosa, dona Josefa Quintas Ferreiro, que nos daba libros de galego ás agochadas, pero cando facían inspección, desaparecían. Fun desas rapazas que estivo castigada na escola por falar galego. A miña neta xa me corrixe, ten oito anos», defende Mari Carmen, alumna do nivel intermedio, orixinaria de Ordes, aínda que nacida no Brasil.

«Gústame moitísimo, máis co castelán. Paréceme moi lóxico. Síntome galega e quero falar a lingua que lle escoitaba a meu pai», conclúe Laura Pita.