Un taller de bordado coa ilustradora Bea Lema na Coruña contra a violencia de xénero

La Voz

A CORUÑA

lema
cedida

A artista, recoñecida co Premio Nacional do Cómic, dirixe a actividade que se celebra o 15 de novembro

09 nov 2024 . Actualizado a las 11:30 h.

A Delegación do Goberno en Galicia, con sede na Coruña, únese á ilustradora coruñesa Bea Lema, que vén de ser recoñecida co Premio Nacional do Cómic 2024, para facer unha reflexión sobre a violencia de xénero e dar visibilidade ás vítimas do machismo a través do bordado comunitario co taller Bordados contra a violencia. Trátase dunha acción que dá a volta ao concepto tradicional do bordado como actividade doméstica que facían as mulleres dentro das súas casas. Así, Bordados contra a violencia, valoran, converte esta actividade tradicional en arma combativa contra a violencia machista e para dar visibilidade ás vítimas desta violencia.

Este taller replica o traballo previo dos colectivos mexicanos Bordamos feminicidios e Fuentes Rojas. Baixo a premisa, unha vítima, un pano, ambos empregan a costura non só para denunciar os asasinatos machistas cometidos neste país. Tamén crean espazos para que as mulleres poidan reflexionar e expresar as súas experiencias persoais co machismo e, tamén, poidan denunciar situacións de violencia persoal. En ocasións, algunhas das participantes deron conta da súa situación persoal de violencia ao coñecer e bordar os relatos que falan de como os homes trataban as mulleres que despois, finalmente, asasinaron.

Bordados contra a violencia ten a súa orixe no encontro que mantiveron o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e a ilustradora coruñesa Bea Lema o pasado 23 de setembro, con motivo da concesión do Premio Nacional de Cómic 2024. Daquela reunión xurdiu a posibilidade de colaborar no programa do 25N a través do traballo da ilustradora coruñesa, que emprega na súa obra o bordado e o tecido como soporte para trasladar as imaxes e ideas. Así o fixo en El Cuerpo de Cristo, pola que acadou esta distinción nacional.

A clase Bordados contra a Violencia desenvolverase o vindeiro venres, 15 de novembro, entre as 11.00 e a as 13.00 horas na sede da Delegación do Goberno, na praza de Ourense.

Durante o taller, Bea Lema dirixirá ás persoas participantes, ás que invitará a dialogar sobre a violencia que soportan as mulleres na nosa sociedade e, a partir deste diálogo, amosaralles as técnicas básicas para bordar a súa reflexión ou vivencia sobre tecido.

As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición, que se poderá solicitar cubrindo este formulario. A actividade é gratuíta e as persoas non precisan ningún tipo de coñecemento previo nin achegar material, que se lles proporcionará durante o mesmo.