«O saldo vexetativo é negativo; é o migratorio o que fai que a poboación creza»

D. García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

05 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña especializada en demografía, sinala algunhas das razóns detrás do incremento de poboación.

—A que se debe o aumento?

—Pode que teña que ver cun efecto de recuperación da poboación que se perdera durante os anos da pandemia. A dinámica da última década na cidade é oscilante, con lixeiras ganancias e perdas que fan que a poboación permaneza sempre entre as 240.000 e as 250.000 persoas.

—Cales son os motivos para atraer poboación?

—O saldo vexetativo é negativo; é o migratorio o que fai que a poboación creza, pero da Coruña marchan cada ano unhas 9.000 persoas. Non temos ningún estudo que nos permita saber os motivos que levan a instalarse na cidade, pero moitas son poboación en idade adulta que vén do estranxeiro ou de fóra de Galicia, polo que é posible que veñan pola demanda dalgunhas actividades económicas.

—Freouse a marcha de veciños cara a concellos da área?

—A marcha de poboación segue e boa parte deses municipios continúan a gañar poboación que sae da Coruña.