A Deputación abre o prazo de candidaturas aos Premios PEL 2024

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación da Coruña abriu onte o prazo de presentación de candidaturas para a sexta edición dos Premios PEL ás mellores empresas da provincia. Tras seis anos de traxectoria, os premios PEL consolídanse como unha das citas anuais de referencia para o sector empresarial e asociativo da provincia da Coruña, tanto polo elevado número de candidaturas que optan cada ano aos galardóns como pola elevada afluencia de asistentes que rexistran os actos de entrega dos premios ano tras ano.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo destes premios «é recoñecer o esforzo e implicación das empresas, emprendedores, profesionais autónomos e asociacións empresariais da provincia no desenvolvemento económico e na creación de emprego no territorio».

As empresas gañadoras repartiranse un total de 72.000 euros en premios, 18.000 euros en cada unha das tres categorías. A primeira é para a mellor iniciativa empresarial nova; a segundo, á iniciativa consolidada, e a terceira, á mellor iniciativa verde. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 14.00 horas do 18 de xuño. Poderase realizar mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma Subtel. As bases están na web da Deputación.

Galchimia, Diversa Technologies, Numax, Igalia, Porto Muíño, Bionix ou Evasa son algunhas das empresas gañadoras das pasadas edicións dos premios.