Diego Veiga, de Moura: «Vemos moi moderno que alguén leve uns sintetizadores e cante en galego, pero realmente iso xa se facía nos 70»

Andrés Rey, A. A. A CORUÑA

A CORUÑA

Leo López

A banda, gañadora dos Martín Códax da Música na categoría rock e punk, recupera a tradición musical galega desde a óptica do rock progresivo

24 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A música de Moura constrúe unha realidade alternativa. Un universo mítico futurista no que meigas e xanas se mesturan con sons eléctricos e refulxencias cegadoras. Nos seus directos, pura alquimia, criaturas invisibles saen dos altofalantes, envolven e atrapan aos presentes, os seus corpos latexando ao unísono, as súas almas elevándose.

E tal foi a extensión das súas ondas sonoras, tal a magnitude do seu feitizo, que chegaron ata os Martín Códax da Música. Hai pouco máis de dúas semanas, os integrantes da banda erixíanse gañadores do primeiro premio na categoría rock e punk. Diego Veiga, vocalista e guitarrista, xamáis ficará quedo. Móvese cara ás profundidades, cara ás orixes do rock psicodélico en Galicia. E cara ao seu propio pasado.

—Como nace Moura?

—Moura nace no 2014, aproximadamente. Nace arredor da extinta Casa Tomada (ou Nave 1839, como se chamou despois), un centro de axitación cultural no que coincidía xente de distintos ambientes musicais: tanto punk, hardcore, greencore... Todo tipo de estilos. Coñecín a persoas novas aí, persoas coas que non estaba afeito a tratar e foi moi enriquecedor. A partir diso e de ver bandas como Cró, Guerrera, toda a xente da metamovida, do Liceo Mutante de Pontevedra, que estaba un pouco en irmandade con este centro... A partir diso xurdiu Moura.

—Que é o que lles corre polas veas? Cal é a súa esencia?

—O principio foi moito máis aberto do que é actualmente. Era unha exploración (ségueo sendo) máis orientada ao rock psicodélico, progresivo, ás jams, á free form. E pouco a pouco, a partir dun encargo que me fan de «psicodelizar» a Ronda das Mafarricas, de Xosé Afonso, vemos que cantar en galego podería ser unha vía moi interesante. Todos viñamos de bandas principalmente anglófonas, pero queriamos retomar o camiño de proxectos dos 70 como NHU, Emilio Cao, Bibiano Morón... Eses proxectos xa exploraban a mestura entre a música galega tradicional e o rock psicodélico. Tamén influíu a miña amizade coa xente da Cova Céltica, aquí na Coruña, que se implicaron, aconsellaron, colaboraron na gravación dos discos. E a miña infancia no rural. Quería reconectar con esas partes.

—E vostede, persoalmente, como chegou á música?

—Eu estudei son aquí na EIS. Aí montei o meu primeiro grupo, que se chamaba Steelwood. Logo comecei a traballar con bandas (Deluxe, *con Xoel López, por exemplo), fun a Madrid e estiven en promotoras, entre pequenas xiras de fin de semana... Combinando con hostalería, como non, é o signo do músico. Cando volvo, en 2010, monto un grupo con Fernando (o que agora é teclista de Moura) de rock progresivo, sinfónico, que se chamaba One of these days. Autoeditamos un disco, pero non foi un proxecto que durase moito. E o seguinte xa foi Moura.

—Como sinten ese achegamento á cultura galega? Buscan preservala ou crear unha nova?

—Sempre digo que o concepto de "novo" pode resultar enganoso. Podemos ver moi moderno o feito de que alguén leve uns sintetizadores e cante en galego, pero realmente iso xa se facía nos 70, como comentaba antes. En canto ao achegamento, é motivador. Non vimos do tradicional e estamos aprendendo moito grazas a todos os músicos que colaboran connosco. Ademais, desde pequeno, outra cousa que me inculcou o meu pai foi o amor á terra. Levábame aos castros, ás igrexas... Retomei ese gusto pola antropoloxía e a etnografía e agora con Moura tamén me serve de fonte creativa. Realmente a idea é seguir explorando. E a nivel máis global si que queremos aportar un graíño de area a todas estas músicas interesantes galegas que agora están de moda. Pero ás veces as modas só son xirar a cabeza cara a un lugar determinado e ver o que sucede. Sempre se fixo música moi interesante en Galicia, dende hai moitos anos.

—Como é o seu proceso compositivo?

—Nos dous discos que sacamos pódese diferenciar un pouco. O primeiro foi máis de improvisar no local, de temas en directo que pouco a pouco foron collendo forma, e só é un achegamento: o mesmo que faciamos antes incorporando percusións tradicionais. No segundo si que fomos compoñendo a distancia, entre todos os integrantes, e creando unhas guías do que ía ser o disco. Creo que hai máis riqueza estilística e a influencia da música tradicional é máis clara. Hai un cantar do liño, un romance...

—De todos xeitos, sempre nos baseamos nunha certa improvisación e certa liberdade sobre estruturas que poderían ser máis pop (entendendo pop como «popular»). Os nosos temas teñen unha estrofa e un retrouso, como son as coplas, como é unha canción que podería durar dous minutos, pero nós metémoslles un desenvolvemento instrumental. E hai moita comunicación entre todos, somos moi de falar de forma cinematográfica: «Imaxinamos que agora pasa isto», ou «Aparece isto outro». É como nos entendemos, non vimos do conservatorio, a nosa forma de comunicarnos é máis... «profana», por dicilo dalgunha maneira.

—Como foi recibir o premio?

—Estamos moi contentos. Este tipo de recoñecementos sempre axudan moito, ademais por parte de Músicas en Vivo e doutros compañeiros de profesión. Axudan a dar visibilidade ao proxecto. A raíz diso, de feito, tamén participamos con Xisco Feijóo nun episodio de Ondas Novas, un programa da TVG, un proxecto moi interesante. Os premios ao final só son premios, pero tamén o tomamos como un recoñecemento a todo ese tempo que lle adicamos. Todo axuda.

—E que podemos esperar do novo disco?

—Queremos sacar algo de música nova a principios do 2024. Seguramente non será un disco, será EP ou single, como fixemos entre os dous discos anteriores, que sacamos A muiñeira da Maruxaina. A verdade é que como agora estamos nun proceso individual de recolección aínda non temos nada claro. Queremos seguir investigando, explorando... e seguir funcionando, aínda que esteamos condenados ao underground.