Ricardo Cao, candidato a reitor da UDC: «Temos que reflexionar sobre o modelo de universidade que queremos»

m. CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Ricardo Cao, catedrático de Estatística e candidato a reitor da UDC por Nova Luce
Ricardo Cao, catedrático de Estatística e candidato a reitor da UDC por Nova Luce .

O catedrático de Estatística alerta da falta de renovación xeracional na institución e as consecuencias da entrada en vigor da nova lei

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coruñés dos Mallos, matemático, eminente investigador e catedrático de Estatística, Ricardo Cao (1965) foi aclamado esta semana como candidato a reitor por Nova Luce, a corrente progresista que desde hai vinte anos fornece á UDC de xefes de goberno. Prudente —«teñen que opinar 20.000 persoas», di—, Cao acaróase ao ronsel de Barja, Armesto (co que foi vicerreitor de Investigación) e Abalde, nun momento de cambios fondos após a entrada en vigor da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que limita o mandato a seis anos non prorrogables.

—Que quere facer?

—Primeiro un proceso de escoita e diálogo con toda a comunidade, PDI, PAS, estudantes e persoas con sensibilidades diferentes, ás que é moi importante escoitar, para reflexionar e facer un programa de goberno axeitado. É un momento importante.

—Despois?

—A nova lei vai esixir cambios, algúns seguramente profundos, e tamén hai ameazas alleas á lei. Unha das miñas preocupacións é a renovación xeracional. Creo que unha universidade publica facémola entre todos, e é moi importante escoitar e incentivar a participación, tamén na toma de decisións. No claustro, de 300 persoas, temos vintetantas vacantes. Iso debe facernos reflexionar. Pero a falta de renovación é unha ameaza, e para iso o financiamento é fundamental.

—Como vai afectar a lei?

—A LOSU quedouse curta para as expectativas que tiñamos pero ten cousas boas e di cousas claras como o aumento do financiamento das universidades públicas para chegar ao 1 % do PIB no 2030, que é o tempo de vixencia do novo goberno, gañe quen gañe. As universidades temos que ser teimudas e insistentes, proactivas. A lei tense que cumprir, porque se non a renovación xeracional vai quedar sen resolver e iso é moi perigoso. Crear un grupo de investigación leva moitos anos, destruílo por xubilacións ou falecementos ou o que sexa é moi rápido. Iso temos que tomalo moi en serio todos como sociedade. Na pandemia viuse a importancia que tivo a ciencia e a universidade como xeradora de ciencia e de profesionais. Temos que ser conscientes de que é importante afondar no financiamento das universidades. E a lei ademais o recoñece.

—Onde está a UDC?

—Estes anos foron moi importantes para renovar as titulacións, temos algunhas realmente senlleiras; impulsáronse cambios estruturais; creáronse programas de captación de talento como o InTalent, bo exemplo da iniciativa privada, pero a universidade ten que ser financiada pola Administración pública. Aumentouse a cooperación co tecido produtivo, a Cidade das TIC, a sede da Aesia. Fixéronse cousas moi interesantes. Agora temos que reflexionar sobre o modelo de universidade que queremos, o cal non quere dicir que cambiemos moitas cousas, ou si, e temos que afondar en valores transversais, a igualdade de oportunidades, a xustiza social, a eficiencia na xestión, a rendición de contas.