Concertos, vermús e charlas por Francisco Fernández del Riego

Alejandro García Chouciño
A. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

<span lang= gl >Francisco Fernández Del Riego, a dereita, nunha imaxen de arquivo da RAG</span>
Francisco Fernández Del Riego, a dereita, nunha imaxen de arquivo da RAG Arquivo da RAG

A cidade acolle nesta xornada festiva varios actos para homenaxear ao escritor que impulsou as Letras Galegas

16 may 2023 . Actualizado a las 20:38 h.

A Real Academia Galega dedícalle este mércores o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego cadrando cos cento dez anos do seu nacemento e o sesenta aniversario desta conmemoración, unha idea impulsada polo propio Francisco Fernández ao pouco de ser nomeado académico de número. A celebración prendeu axiña con éxito por todo o país e hoxe constitúe a gran festa cívica de Galicia, con centos de iniciativas desenvolvidas por asociacións, institucións, centros educativos, entidades comerciais e empresas, entre outros axentes sociais, como sintetiza a mostra virtual dispoñible en academia.gal co gallo desta efeméride.

Xardíns de méndez núñez

Concertos e faladoiros. O Concello propón unha xornada na que se mesturarán literatura, artesanía, música, bailes tradicionais e que terá como acto central a lectura pública de textos de del Riego. Será ás 12.30 horas nos xardíns de Méndez Núñez, aínda que os actos iniciaranse xa ás 11.00 horas e terán continuidade pola tarde a partir das 18.00 horas. Serán as agrupacións folclóricas e culturais Aturuxo, Donaire e Son D´Aquí as que abran os actos e, despois da lectura de textos de Francisco Fernández del Riego, a programación da mañá rematará coa presenza de Cántigas da Terra e o espectáculo poético musical Chulísima, con Aldaolado, dúo poético formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao.

Pola tarde haberá tempo para a literatura, co faladoiro A Coruña Literaria, no que participarán Carmela Galego, Jorge Castro e María Xosé Bravo, para a historia, co faladoiro A Cidade, coa participación de Felipe Senén e Xosé Alfeirán e coa mestura de poesía e música, cun espectáculo protagonizado pola poeta Lúa Mosquetera e o músico Pablo Seijas.

Durante toda a tarde haberá tamén un obradoiro nos xardíns no que os participantes terán a oportunidade de elaborar pulseiras de coiro.

Bibliotecas municipais

Programación especial. As biblioteca proseguen coa súa programación especial para celebrar as Letras Galegas. Xoves e venres haberá máis actividades nas bibliotecas do Castrillón, Fórum e Ágora, cun concerto final de Abraham Cupeiro o venres ás 21.00 horas no Ágora, actividade organizada tamén polo Servizo de Normalización Lingüística.

Obelisco

Concentración. Partirá ás 12.00 horas desde o Obelisco e está convocada pola plataforma Queremos Galego. No acto participarán persoas destacadas da xustiza, ciencia, escena e deporte. A lectura do manifesto correrá a cargo de Isabel Risco, quen tamén conducirá o acto. Tamén actuarán as pandeireteiras do grupo Zóscalle.

Asociación lar de unta

Proxección e sesión vermú. A Asociación Lar de Unta programa para as 12.00 horas a proxección do documental Francisco Fernández del Riego: O que nunca se rende. Media hora despois terá lugar una sesión vermú. Precisan que costarán 1 euro que é «obrigatorio falar en galego».

Teatro colón

Concerto. A Banda Municipal de Música ofrecerá mañá un concerto especial e gratuíto ata completar aforo con motivo do Días das Letras Galegas. Será ás 20.00 horas no Teatro Colón.

Centro cívico de Palavea

Obradoiro infantil e actuacións. Este sábado e domingo celebrarán en Palavea as Letras Galegas coas seguintes actividades que festexan a cultura galega a través da música e das letras. O sábado 20, no centro cívico de Palavea, ás 17.00 horas haberá un obradoiro infantil pola debuxante Patricia Saavedra. A continuación, ás 18.00 horas, terá lugar a actuación do Grupo de Musicoterapia de Abegondo e Palavea con cancións tradicionais e novas creacións do seu repertorio. De 19.00 a 20.45 horas, contarán coa actuación da Agrupación Os Remendafoles xunto a participación do grupo de música tradicional Os nosos lares de Palavea. O domingo 21, ás 11.30 horas, no local da asociación veciñal Os nosos lares (mercado municipal) finalizarán co concerto didáctico Músicas dos Maios impartido pola Trabe d´Ouro, proxecto que procura protexer o tesouro que é a cultura galega mediante a música.