«As que limpan», de A Panadaría, triunfa na gran noite do teatro galego

Alejandro García Chouciño
A. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

Os premios María Casares recoñeceron a traxectoria da xastra Cloti Vaello

30 mar 2023 . Actualizado a las 23:46 h.

As que limpan, unha peza que traslada a crudeza dunha profesión «invisible» para moitas persoas, alzouse onte con catro dos grandes galardóns dos XXVII Premios de Teatro María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), recoñeceu esta peza da compañía A Panadaría, en coprodución co Centro Dramático Nacional, cos premios a mellor espectáculo, dirección, texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro) e actriz protagonista (Noelia Castro). «Miña nai leva limpando desde os 13 anos. Levantábase as seis da mañá para limpar e coidar doutras nenas que non era eu. Un día, no colexio preguntaron de que traballaban as nosas nais e dixen que non traballaba porque me daba vergoña. Hoxe quero emendar esa vergoña e dicirche que estou moi orgullosa de que sexas limpadora e de que este premio é para ti», salientou Castro tras coller o galardón a mellor actriz.

Pola súa banda, O porco de Pé, montaxe de Producións Teatrais Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto). Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo). O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou).

Títeres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

Recoñecemento ao «invisible»

A xastra Cloti Vaello recibiu o galardón de honra Marisa Soto, co que a profesión recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico. «Falar de cloti é falar de toda unha xeración, a que levantou o teatro profesional en Galicia. Persoas comprometidas como ela que abriron portas. Medrou a par da profesionalización do noso teatro. Fíxoo sempre lonxe do aplauso. O seu rostro non é coñecido polos teatreiros. Cloti é teatro en vida» resaltaron desde a AAAG.

Ao escenario do Teatro Rosalía Castro da Coruña subiu un elenco conformado por Natalia Outeiro, Pajarito; Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asinou o guión xunto a Antón Coucheiro. O equipo artístico completouse con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación. Durante a gala, Clara Gayo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e Xosé Barato, presidente da AAAG, procedeu a ler o discurso da directiva.