Romualdo Irijoa, fundador da comparsa Os Maracos: «O humor non ten carné de partido político, vai máis alá das ideoloxías»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Romualdo Irijoa con outros Maracos, preparando o carnaval no local da comparsa
Romualdo Irijoa con outros Maracos, preparando o carnaval no local da comparsa MARCOS MÍGUEZ

Este martes será homenaxeado e incluirase no Andar do Entroido da Rúa da Torre

20 feb 2023 . Actualizado a las 09:31 h.

Romualdo Irijoa (Corme, 1950), é unha figura fundamental para entender o que é o carnaval coruñés. Fundou a comparsa Os Maracos no 1983 e desde entón leva 40 anos axustándolles ás torcas aos membros da corporación municipal cunhas cancións punzantes, pero feitas dende o cariño que implica o humor. Así se lle recoñece, xa que o Concello réndelle este martes (ás 14.30 horas) merecida homenaxe ao integralo no Andar do Entroido da Rúa da Torre. «Supoño que é porque son o máis vello de todos. Ía ser unha sorpresa, pero houbo unha filtración, alguén meteu a pata», di Romualdo entre risas.

—Entroido ou antroido?

—Eu sempre dixen antroido, aínda que os académicos din que é entroido. De feito, no meu pobo o antroido era un señor feito de palla e redes que se enterraba o sábado. Facíaselle un velorio e unha misa cantada, e as letanías eran dos acontecementos que pasaran os veciños ao longo do ano.

—De onde lle vén a paixón polo entroido?

—Sempre se viviu moito na miña familia. Teño moitos recordos de neno. A miña avoa encargábase de lavar os traxes dos santos das igrexas. E os meus tíos, que eran moi pillabáns, un ano colleron o traxe da Virxe do Carme e puxéronmo. E eu encantado pola rúa correndo vestido da Virxe do Carme. O tema do carnaval lévoo dentro de sempre.

—Como era o da Coruña cando fundou Os Maracos?

—Non había comparsa ningunha. O carnaval aquí era o das mascaritas das sociedades, unha cousa para poucos. A nivel popular, só Monte Alto tiña a súa festa choqueira. Despois foron xurdindo pouco a pouco outras comparsas, pero naqueles anos estabamos nós e xa está. De feito, no primeiro ano que saímos, en 1983, nin sequera tiñamos nome. Non eramos Os Maracos nin eramos unha comparsa organizada. Simplemente saímos un grupo, moitos do Partido Comunista, que nos gustaba moito a carallada e o carnaval. Fíxate se eramos atrevidos que naqueles anos saímos co tema do aborto, porque andábase a discutir a lei que o ía regular. E corenta anos despois aínda estamos a debater polo mesmo tema. Se é que non avanzamos nada.

—Caramba, un tema duro para saír en carnaval naqueles anos.

—E tan duro. Non foi de balde, que as mulleres da comparsa sufriron as consecuencias e tiveron que aguantar todo tipo de insultos. Xa podes imaxinar as cousas que lles chamaron. Ten en conta que dous anos antes tivemos un golpe de Estado.

—Pensaban daquela que corenta anos despois puidesen seguir Os Maracos en activo?

—Que va! Foi unha cousa totalmente espontánea. Saímos ano tras ano, e como cada vez o pasabamos mellor, non o deixamos.

—Canta xente hai nos Maracos?

—A primeira vez non chegariamos a vinte. E este ano somos 72, pero a comparsa chegou a ter unhas 115 persoas.

—Tiveron algunha vez problemas coas súas letras?

—Serios, nunca. Aínda que algúns políticos tiñan máis humor ca outros. Paco Vázquez, por exemplo, sempre participou en todo o que lle pedimos, menos nunha ocasión que se enfadou un pouco. Pero é que cargamos contra el constantemente. Dicía que a verdadeira oposición, a máis dura, non eran os outros partidos, senón as cancións dos Maracos. Pero era moi listo, porque sabía que se non entraba ao trapo, se non o tomaba con humor, ía ser peor. Losada e Tello, sen embargo, non tiñan tanto sentido do humor. Saímos aquel ano cunha torta de voda, con eles dous coma noivos, e propuxémoslles saír a María Pita cortar o pastel, e non quixeron. Pero en xeral todos o tomaron ben. Se non tes sentido do humor, mellor que non te metas en política. É que o humor non ten carné de partido, é algo que vai más alá das ideoloxías ou das crenzas. Nos Maracos houbo xente de todo tipo. Non te vou enganar, a maioría tiraba para a esquerda. Pero tivemos varios votantes do PP saíndo na comparsa. Aquí estamos para rir e meternos con todos, sexan do partido que sexan. Non se libra ninguén.

—Que tal coa actual alcaldesa da Coruña?

—A Inés parece que lle vai a marcha tamén. É a primeira muller da que facemos un cabezudo. A ver que lle parece.

«O carnaval coruñés hai que levalo a Fitur e vendelo como se vendeu San Xoán»

Cando falas coa xente dos Maracos, a metade do que din parece máis cousa de lenda que feitos históricos. Mais calquera sabe. Por exemplo, aseguran que o logo da Xunta de Galicia é un deseño seu.

—En serio que o logo da Xunta saíu dunha montaxe da comparsa?

—Que si, que é deseño noso, dos Maracos! Saímos no ano 1988 cunha teta enorme e cun logo que poñía debaixo Xupa de Galicia. E o logo ese, coa X grande en azul, é o que alguén lle vendeu á Xunta tempo despois.

—Adiantáronse co tema, o ano pasado houbo polémica co seo que sacou en escena unha candidata a Eurovisión.

—A xente antes non se escandalizaba tanto como agora. Fomos para atrás. Non sei se é porque as novas xeracións gozaron sempre de liberdade e non lle dan a importancia que ten. Pero nunca nos censuramos nin nos cortamos o máis mínimo, nin antes nin agora.

—Hai relevo xeracional nos Maracos?

—Temos xente nova. Achéganse e ven como o están pasando estes vellos dos Maracos e claro, queren vir. Temos xente de setenta anos e tamén estudantes. O que pasa é que quizais chegou o tempo de dar un paso atrás e deixar que estes máis novos leven o asunto.

—Fundamental para que a festa goce de boa saúde.

—O antroido coruñés é algo único e debería ter máis difusión. Hai que levalo a Fitur e vendelo, como se vendeu San Xoán, porque é unha cousa que non vas atopar en ningún outro lugar. É algo que non fixeron os sucesivos alcaldes. E mira que o teñen fácil, porque contan, só nas comparsas, cuns 400 voluntarios dispostos a traballar de balde e cun sorriso.