As galerías da Mariña da Coruña, patrimonio da humanidade

Xosé Lois Martínez Suárez ARQUITECTO

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

A singular solución para o control térmico e da humidade desenvolvida nas vivendas do arrabal coruñés na segunda metade do século XIX é sen lugar a dúbidas a gran achega especificamente galega e coruñesa ao patrimonio cultural europeo

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1854 o cólera esténdese pola cidade causando miles de mortos, 2.000 mozos galegos embarcan rumbo a Cuba cara á escravitude e o arquitecto municipal José María Noya Vaamonde supervisa as Ordenanzas de Policía Urbana e Rural da cidade da Coruña e o seu termo municipal (OM-1854). No mesmo ano Noya redacta o proxecto da súa casa en Rego de Auga 49. Levaba 20 anos dun traballo profesional que vai consolidar coa definición precisa do que se constituirá en tipo referencial da edificación das vivendas na segunda metade do XIX.

Un dos aspectos mais singulares da Casa Noya é a presenza do debuxo da fachada posterior á praza da Verdura, que cubría as plantas 1.ª e 2.ª cunha carpintería de madeira e vidro que delimita a pel exterior do espazo da galería. Na fronte a Rego de Auga, adáptase ás ordenanzas, emprazando a galería na 2.ª planta, que recibía a carpintería de madeira a todo o largo e ancho do balcón.

José María Noya, tío de Manuel Murguía, nunha actitude propia do espírito romántico, móstrase sensible á experiencia popular xeneralizada a partir da instalación na cidade da fábrica de vidro de Adalid & Ugarte (1830) e a de madeira de José Cervigón (1854), converténdose nun dos protagonistas da difusión da galería no arrabal coruñés.

Non haberá edificio que non utilice esta singular solución para o control térmico e de humidade das vivendas: orixinaria da arquitectura naval e incorporada nas vivendas das cidades portuarias (Ferrol, A Coruña), será a experiencia dos artesáns da madeira a que dea argumentos incontestables ao seu uso na paisaxe urbana coruñesa. Non sen a oposición e o desprezo dos profesionais e as elites cultas, este espazo delimitado entre o muro exterior e a pel acristalada sería a gran protagonista da cidade.

Estudiantes de arquitectura de la Universidad de París, en A Coruña en el 2002, acompañados por el profesor de la escuela de A Zapateira Xosé Lois Martínez Suárez
Estudiantes de arquitectura de la Universidad de París, en A Coruña en el 2002, acompañados por el profesor de la escuela de A Zapateira Xosé Lois Martínez Suárez

Entre 1869 e 1884 as 10 casas con fronte a Rego de Auga e a fachada posterior á Mariña adoptarían o tipo de fachada utilizada 15 anos antes por Noya. Tamén na Mariña, os 10 solares da praza de María Pita construídos de 1865 a 1910 cóbrense con este elemento procedente da lingoa vulgar da arquitectura. O mesmo sucederá nas traseiras das súas mazás da rúa Real-Aduana ao Cantón Grande. A cidade enteira converterase na vangarda do control térmico das vivendas na Europa do século XIX.

Hoxe as galerías da Mariña son sen lugar a dúbidas a gran achega especificamente galega e coruñesa ao patrimonio cultural europeo: unha oportunidade que A Coruña e Galicia deben aproveitar nun tempo no que a sustentabilidade e o confort van estreitamente ligados á utilización dos recursos naturais (a madeira) no control térmico dos edificios (a dobre fachada).