A Deputación mellora unha rede viaria como a distancia entre A Coruña e Ámsterdam

A. S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

A Deputación eliminou un punto perigoso en Iñás (Oleiros) coa rotonda da Chasqueira.
A Deputación eliminou un punto perigoso en Iñás (Oleiros) coa rotonda da Chasqueira. atr

No 2023 investirá preto de 20 millóns para o seu mantemento e arranxo

12 dic 2022 . Actualizado a las 17:33 h.

A Deputación da Coruña ten que facer fronte a unha rede de estradas que cubriría o percorrido entre A Coruña e Ámsterdam. Son algo máis de 2.000 quilómetros de vías que supoñen un importante gasto en obras de mantemento. No vindeiro ano, o orzamento provincial prevé unha inversión inicial de 19.415.267 euros en todo o departamento de vías e obras, dos que máis da metade (10,2 millóns) se reservan para o plan de conservación de estradas. A partida total da área que dirixe o deputado e alcalde de Dumbría José Manuel Pequeño medra así un 2,6 % con respecto ao exercicio actual.

Á marxe das obras de arranxo ou mellora das estradas provinciais da Coruña, a Deputación destina outros 3,5 millóns de euros a mantemento e rozas, un labor imprescindible para garantir a perfecta visibilidade dos condutores así como a seguridade dos peóns. Precisamente o ente provincial ten un Plan de Sendas para arranxar e manter este tipo de comunicacións pedestres e que alcanza unha partida de 1.130.000 euros. No actual exercicio actuouse sobre unha distancia de 55 quilómetros de sendas.

Tamén o departamento de Vías e Obras contempla outros 1.130.000 euros para o Plan de Travesías, onde xa se completaron obras ao longo de 16 quilómetros totais de diferentes tramos na provincia.

A maiores está o coñecido como Plan VIP, un plan inversor en obras de seguridade viaria para ampliación de estradas, melloras en interseccións, construción de beirarrúas ou eliminación de cambios de rasante. Neste 2022 actuouse en 187 quilómetros de estradas provinciais, e para o vindeiro ano a partida prevista alcanza os 1,7 millóns de euros. Este mesmo mes completarase a segunda fase da travesía de Serantes, en Ferrol, co ancheamento e novas beirarrúas. Outra importante obra xa completada é a ampliación da DP-2801 en Corcubión, que incorpora un itinerario para bicicletas entre Quenxe e o faro de Cee. Na comarca coruñesa, a Deputación eliminou un cruzamento moi perigoso en Iñás (Oleiros) coa nova rotonda da Chasqueira. Outro punto negro eliminado recentemente foi o de Lousame, cunha nova ponte sobre o rego Pesqueira. Na zona de Santiago está en execución a amplitude da vía que conecta Roxos e Frais, onde se enlaza co Camiño de Santiago-Fisterra.

Novas beirarrúas en Peiro, no municipio de Culleredo, nunha estrada provincial.
Novas beirarrúas en Peiro, no municipio de Culleredo, nunha estrada provincial. atr

Dende que o actual goberno provincial asumira o bastón de mando na Deputación no 2015, a entidade investiu máis de 166 millóns de euros en obras na súa rede de estradas, cun récord de gasto no ano 2021, con 31,6 millóns. Nestes dous últimos mandatos baixo a presidencia de Valentín González Formoso afrontáronse un total de 486 obras nas estradas.

«Menos visible»

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, destacou a importante aposta da Deputación da Coruña durante este mandato pola mellora da seguridade na rede viaria provincial, que se centra fundamentalmente en tres ámbitos: «a ampliación das estradas máis estreitas e a eliminación dos tramos máis sinuosos ou de concentración de accidentes; a mellora da accesibilidade e seguridade peonil, coa construción de máis de 71 quilómetros de sendas, beirarrúas e travesías; e a conservación, pavimentación e mantemento da ampla rede de estradas que conecta os 93 concellos da provincia», afirma o deputado, que sostén que «manter en condicións óptimas 2.100 quilómetros de estradas é tan importante como acometer novos investimentos, aínda que ás veces sexa menos visible».

Orzamento 2023: 19.415.267 €. Máis da metade da partida (10,2 millóns) se destina ao Plan de Conservación.

Mantemento e desbroces: 3.533.717 €. Ao longo do ano fanse dúas ou tres rozas nas estradas provinciais.

Plan VIP: 1.695.000 €. Inclúe ampliación de estradas, beirarrúas ou eliminación de cambios de rasante.

Plan de Sendas: 1.130.000 €. Partida para o 2023. Este ano actuouse en 55 quilómetros.

Investimento 2015-2022: 166.200.000 €. Acometéronse 486 obras.

  

En setembro ser inaugurou un tramo da vía verde que unirá Cerceda con Santiago.
En setembro ser inaugurou un tramo da vía verde que unirá Cerceda con Santiago. atr

A maior vía verde de Galicia xa é unha realidade e chegará de Cerceda a Santiago

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña apostou por outro tipo de proxectos viarios, máis comprometidos coa natureza, máis sostibles e cun cariz deportivo. Trátase das sendas ciclistas, unha rede que neste mandato que está a piques de rematar recibiu un pulo importante en investimentos e proxectos, liderados pola vía verde que une Cerceda e Oroso.

En setembro pasado, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurou esta vía que atravesa os municipios de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, cun percorrido total de 36 quilómetros sobre as vellas vías do ferrocarril. Formoso lembrou entón que o proxecto, nacido 14 anos atrás, estaba esmorecendo nun caixón ate que o goberno provincial o rescatou no 2017 para executalo. Na actualidade, apenas quedan 10 quilómetros para completar toda a conexión.

A Rede Ciclista Metropolitana

Outro dos grandes proxectos promovidos pola Deputación é a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, cunha ampliación que percorre o encoro de Cecebre ate a conexión co municipio de Carral. En total, son 32 quilómetros que discorren polos concellos de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral. O proxecto ten unha inversión de algo máis de 2 millóns de euros, dos que o 80 % son financiados con fondos europeos tras xestións do ente provincial.

O deputado José Manuel Pequeño destaca «a aposta por un novo modelo de mobilidade máis sostible e eficiente, que contribúa a vertebrar o medio rural coruñés». «Estes investimentos permitirán, por exemplo, conectar en poucos anos as cidades da Coruña e Santiago cun itinerario seguro para percorrer a pé ou en bicicleta», indica o deputado, que sinalou que o seu departamento traballa conxuntamente coa área de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica noutros ambiciosos proxectos para estender este modelo a todas as comarcas da provincia.