Poñamos que falo de Nostián

Francisco Jorquera VOCEIRO DO BNG NO CONCELLO

A CORUÑA

A CORUÑA: Francisco Jorquera (BNG)
A CORUÑA: Francisco Jorquera (BNG) CESAR QUIAN

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos é un servizo esencial, necesario para garantir a protección da saúde pública e do medio ambiente e na nosa cidade préstase en precario desde que hai tres anos rematou a concesión. Este retraso non fai senón acentuar os múltiples problemas que afectan a planta. Os traballadores denuncian graves déficits de mantemento das instalacións. Tamén está a provocar que se consolide a perda de dereitos do cadro de persoal, ante a negativa da concesionaria a negociar un novo convenio ou prorrogar a vixencia do anterior, que rematou en decembro de 2017.

A empresa incumpre a súa obriga de selar o vertedoiro, desouvindo unha sentenza xudicial. Tampouco se albisca unha solución definitiva para os refugallos, que se seguen enviando ao centro de Sobrado dos Monxes. Nostián está moi lonxe de cumprir cos obxectivos que a dotan de razón de ser. E é que en 2021 máis do 60 % das toneladas de lixo tratadas na planta foron parar ao vertedoiro e, polo que se refire á materia orgánica, apenas o 31 % transformouse en compost. Tampouco houbo avances significativos na mellora da separación en orixe. Se queremos ser unha cidade comprometida coa defensa do medio ambiente, urxe resolver este problema e converter Nostián nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, corrixindo o seu mal funcionamento actual e asegurando unha solución definitiva á acumulación de refugallos e á fabricación dun compost de calidade.

Para conseguilo é necesario que o servizo deixe de se prestar en precario, mais, por desgraza, tres anos despois do fin da concesión, continuamos a agardar que o goberno local tome cartas no asunto.