Aida Tarrío, de Tanxugueiras: «As tres soas coas nosas pandeiretas, será como volver aos vellos tempos»

M. O. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

aida
CARMELA QUEIJEIRO

O grupo é o encargado de acender este 2022 as luces do Nadal en Marineda City

22 nov 2022 . Actualizado a las 15:13 h.

Non poden negalo. O 2022 foi o seu ano. Ás Tanxugueiras non lles fixo falta viaxar a Turín para brillar nos escenarios. A calidade da súa música foi recompensada coa resposta do público, que este xoves, día 24, ás 19.30 horas no centro comercial Marineda City, ten unha derradeira oportunidade para velas en directo. Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro son as encargadas de acender as luces do Nadal na Coruña.

—É o voso primeiro acendido?

—Si, e a verdade é que nos fai moita ilusión, para nós é unha experiencia nova. A min gústame moito o Nadal. E, despois do que pasou na Coruña este verán, parécenos aínda máis bonito facelo aquí.

—Foi mellor do agardado a resposta do público na Coruña?

—Foi moi emocionante, pero non polo feito de que viñera moita xente, senón polo conectado que estaba o público con nós.

—Ademais de luces, tamén haberá música este xoves?

—Por suposto. Imos cantar un par de peciñas. Seremos as Tanxugueiras de sempre, voces e percusión, nós coas pandeiretas, como volver aos vellos tempos.

—Algunha peza de Nadal?

—As cancións elixidas serán unha sorpresa, pero si podo confirmar que aínda non fixemos ningunha panxoliña, a ver se algún ano escribimos unha.

—Non haberá tantas luces led como en Vigo, pero...

—A verdade é que non vin o acendido das luces de Vigo. Supoño que foi a lo grande! Nós seremos moi naturais. Imos intentar que a xente o pase ben. E, o que si haberá é moita música.

—O 2022 foi o voso ano.

—O 2022 foi un anazo. Entre nós sempre lembramos o primeiro ano no que actuamos de serán en serán, indo de foliada en foliada. Desde que comezou Tanxugueiras, hai sete anos, tivemos a sorte de estar actuando sen parar, exceptuando o parón da pandemia. Pero, o 2022 foi intenso, cumpríronse moitos soños. Vivimos experiencias que pensabamos que iamos vivir dentro de moito tempo. Aínda o estamos procesando.

—Que lle pedides ao 2023?

—Poder seguir vivindo do que nos gusta: facer música. Que nos sigan escoitando e evolucionar, que o proxecto siga madurando. Somos unhas privilexiadas.

—E un agasallo persoal para Reis?

—Pasar algo máis de tempo coa miña familia.

—Traballades nun novo disco?

—Estamos preparando nova música, pero aínda non haberá novo disco. No 2022 lanzamos Diluvio, un traballo que a xente aínda ten que escoitar e darlle voltas. Apetécenos xirar, oxalá poidamos facer unha xira moi potente e ensinar todo no que estamos traballando. Estamos pechando as actuacións, temos chamadas para actuar fóra.

—Que camiño seguirá esta nova música que preparades?

—Aos nosos concertos viña toda a familia, para nós iso é unha sorte. Este ano chegamos a xente máis nova, un público ao que hai que chegar. A fusión para nós segue a ser moi importante para conectar cos máis novos. O trap, hip hop, pop... Estamos saíndo da nosa zona de confort, meténdonos noutros rexistros e xéneros nos que non estabamos tan cómodas. É un crecemento persoal e profesional. Estamos probando cousas que nunca experimentaramos e facendo colaboracións, como a de Rozalén, das que aprendemos moito.