Gonzalo Navaza ingresa na Real Academia Galega como membro de número

David García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Marcos Míguez

O lalinense ocupa o lugar deixado polo falecido historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández

05 nov 2022 . Actualizado a las 23:06 h.

O filólogo Gonzalo Navaza ingresou este sábado na Real Academia Galega (RAG) como membro de número cun discurso dedicado á toponimia da súa terra de Deza. O escritor ocupa o posto deixado polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década e falecido en marzo do ano pasado. Navaza, que recoñeceu a súa nova condición dentro da institución como unha «alta honra», dirixiu a primeira parte da súa intervención a Barreiro Fernández, recoñecendo o papel que desempeñou na defensa e impulso da lingua e a cultura galegas. «Son ben consciente da distancia que me separa dunha persoa da súa altura intelectual e humana, e de que o tempo de que dispoño só me permitirá un esbozo biográfico moi sucinto e por forza incompleto», expuxo antes de facer un percorrido pola traxectoria dun profesional que permite ter na actualidade «unha visión diferente de moitos aspectos clave da nosa historia» e do que destacou a súa «calidade humana».

 O novo membro do pleno da institución, visiblemente emocionado cando a sala da RAG na rúa Tabernas da Coruña o ovacionou no momento da súa entrada e cando finalizou o seu discurso, afondou durante a súa intervención na orixe e no significado dos nomes de lugar, unha especialidade na que deu os seus primeiros pasos na década dos oitenta e na que hoxe é un reputado especialista. Así, o seu discurso centrouse nos nomes de persoa nos topónimos de Lalín, o concello onde naceu hai 65 años. «A toponimia ten unha dimensión identitaria e emotiva. Nela prodúcese o encontro entre dous ámbitos que moven a miña paixón: a terra e mais a lingua», asegurou Navaza, quen alertou do «altísimo grao de deturpación» que sufriu a toponimia galega nas fontes escritas e nas denominacións oficiais nos anos posteriores á ditadura. O seu discurso é o segundo de ingreso na RAG dedicado á toponimia despois do pronunciado por Fernando Martínez Morás en 1926. Concluíu cun poema que escribiu hai máis de 20 años.

Nomes de persoa na toponimia de Lalín, que está dispoñible na web da RAG, é unha obra que debulla máis de sesenta nomes que son parte do patrimonio inmaterial da cultura gallega. Navaza tamén tivo tempo para personalizar os seus agradecementos nos académicos Antón Santamarina, Ramón Lorenzo e Xesús Ferro Ruibal, que foron quen o propuxeron para ingresar como membro de número. O primeiro deles foi quen interviu en nome da institución facendo unha breve exposición historiográfica sobre a toponimia galega.

Navaza doutorouse en toponimia en 1998 na Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciara anos antes. Actualmente é profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución de la Universidade de Vigo.

Gonzalo Navaza foi construíndo unha destacada traxectoria como especialista en toponimia, campo sobre o que fixo a súa tese de doutoramento. Entre outros títulos, neste campo publicou Fitotoponimia galega, unha obra que engloba case 8.000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas; Toponimia de Catoira; e Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Ademais dunha ampla lista de publicacións, Navaza é parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos, membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica e no 2012 foi nomeado académico correspondente d RAG. A colección del filólogo como autor destaca pola súa faceta como poeta e narrador, que lle valeron diversos premios a nivel autonómico e estatal. Ademais, conta na súa traxectoria con achegas literarias sobre Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, ademais de traducir clásicos do inglés e do francés. As publicacións didácticas sobre a lingua e literatura galegas tamén forman parte da súa obra.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, foi o encargado de pechar o acto e asegurou que supón unha «alegría enorme» o ingreso de Navaza como membro de número. Ademais, agradeceu ás autoridades que estiveron na sede da Academia a súa presenza no acto de benvida a Gonzalo Navaza.