Alberto Ramos gaña o Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega

Nuria Guillermo
Nuria Guillermo A CORUÑA

CULTURA

Representantes del tribunal y de las entidades organizadoras del premio.
Representantes del tribunal y de las entidades organizadoras del premio. ANGEL MANSO

A novela presentada baixo o lema «Os corpos de Romanov. Matthias Lentz» será publicada pola editorial Galaxia proximamente

29 sep 2022 . Actualizado a las 21:24 h.

O escritor e xornalista santiagués Alberto Ramos resultou gañador da 16.ª edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Representantes do xurado e das institucións e entidades organizadoras anunciaron este xoves, na sede da Real Academia Galega (RAG), na Coruña, que a obra presentada polo autor baixo o lema Os corpos de Romanov. Matthias Lentz foi seleccionada para recibir o galardón, dotado de 12.000 euros, e será publicada pola editorial Galaxia. Alberto Ramos recibiu outros recoñecementos previamente, como o galardón de novela por entregas de La Voz de Galicia, o Premio García Barros e o Vicente Risco de Creación Literaria.

Respecto á obra premiada, Diana Varela, portavoz do xurado, explicou que se trata dunha novela na que «varias historias se entrelazan con episodios bastante duros». «Ao final, logra que todas esas historias que nos vai contando no libro encaixen todas como un reloxo suízo», sinalou. Ramón Nicolás, que asistiu ao acto como representante da Real Academia Galega (RAG), destacou que este premio «permitiu coñecer a moitos valores da nosa literatura», mentres que Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, indicou que o galardón «axudou a crear unha xeración de autores cunha media altísima de calidade». Francisco Castro, director xeral de Galaxia, afirmou que «a maquinaria da editorial ponse en funcionamento para ter o libro á venda canto antes», e fixou nun mes de prazo para que se atope dispoñible nos establecementos comerciais.

Natalia Barreiro, directora da refinería de Repsol en A Coruña, destacou a traxectoria deste galardón e sinalou que, para a entidade, «non é só unha labor de mecenazgo». Por último, Valentín García, director xeral de Política Lingüística, referiuse ao premio como «o inicio da idade adulta dun novelista» e ao autor como «un escritor xoven, que se consolida con este premio no noso sistema literario».

Na súa 16.ª edición, o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas. O acto oficial de entrega do premio terá lugar no mes de decembro na Coruña.