O Estado fai caixa co cárcere

Francisco Jorquera VOCEIRO DO BNG NO CONCELLO DA CORUÑA

A CORUÑA

Francisco Jorquera (BNG).
Francisco Jorquera (BNG). ANGEL MANSO

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente coñecemos a noticia do acordo extraxudicial para o Concello recuperar a titularidade do antigo cárcere a cambio do pagamento de dous millóns trescentos mil euros.

O goberno de Inés Rey gábase de que con este acordo conséguese unha rebaixa de 600.000 euros, en concepto de xuros, respecto da cantidade que tería que aboar o Concello en cumprimento do convenio asinado no seu momento por Francisco Vázquez coa Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios e da sentenza do Tribunal Supremo do 2020.

Por iso, para Inés Rey este asunto non é opinable. Unhas declaracións que me provocan sorpresa e perplexidade, sendo que os convenios son revisables a condición de que exista a suficiente vontade política. En realidade, a existencia dunha sentenza favorable ao Estado non empece a cesión gratuíta ao Concello se así o estimasen ambas partes. Máxime cando estamos a falar dun acordo entre dúas Administracións gobernadas polo mesmo partido.

O antigo cárcere está situado en terreos que eran municipais e que foron cedidos ao Estado para usos penais. Rematada esa función, o xusto é que nos sexa devolto sen o Concello ter que facer ningún desembolso económico.

Pero, ademais, no acordo subscrito polo goberno de Inés Rey nada se fala de quen asumirá os custos da rehabilitación do edificio, que poden ascender a trinta millóns de euros. «Cando o Concello reciba a propiedade do Estado xa falaremos de se se rehabilitará o edificio e de quen pagara as obras», manifestou a alcaldesa. E, de novo, as súas declaracións provócanme sorpresa e perplexidade. Para o BNG, é evidente que se o Estado era o titular da instalación tiña a obriga de asegurar o mantemento do edificio no canto de o deixar degradar até ficar case en ruínas.

Onde está, pois, a virtude do acordo se o Estado nin tan sequera se compromete a asumir o custo da rehabilitación? O cárcere forma parte da longa lista da herdanza envelenada que deixou a esta cidade Francisco Vázquez. E, por desgraza, vai camiño de formar parte tamén da longa lista de asuntos que revelan a ausencia de peso político do goberno de Inés Rey para que os intereses da Coruña sexan atendidos. A consecuencia será que o Estado faga caixa a custa do noso patrimonio.