O presidente da Cámara Alta, o socialista Ander Gil, visitou a sede da institución na Coruña
13 jun 2022 . Actualizado a las 14:26 h.
O presidente do Senado, o socialista Ander Gil, visitou esta mañá a sede da Real Academia Galega na Coruña. Foi recibido polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Ambos coincidiron na importancia de proxectar o galego e as outras linguas cooficiais do Estado. E se mostraron dispostos a intercambiar ideas de cara a sinatura dun convenio entre ámbalas institucións.
No encontro mantido na rúa Tabernas da Coruña, ámbolos presidentes acordaron iniciar un diálogo para concretar políticas de colaboración que incidan na promoción da lingua e da cultura galegas como parte do patrimonio común do Estado.
Ander Gil escribiu en galego no libro de ouro da Academia e destacou a súa satisfacción por poder visitar «a institución que protexe e fomenta a cultura galega, contribuíndo a preservar o patrimonio inmaterial de todos os homes e mulleres desta terra», segundo informa a RAG nun comunicado.