María García: «O mellor que fai o goberno é acordar coa Marea Atlántica»

Ana González Núñez
Ana González A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Considera que hai «un modelo de cidade moi inconcreto» e que «volven prácticas de escasa calidade democrática»

06 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A voceira da Marea Atlántica no Concello, María García (A Coruña, 1978), que non formará parte da lista das eleccións do 2023, pensa que os tres anos que van de mandato baixo o goberno de Inés Rey foron «moi irregulares».

—Por que ten esa visión?

—A verdade é que foi pasando por diferentes fases. Agora mesmo arrastra eivas do ano pasado, cando o goberno elixiu unilateralmente non aprobar uns orzamentos de crise para o 2021. Iso está en vías de solución tralos acordos deste ano coa Marea Atlántica, expansivos, con políticas ambiciosas. Neste sentido, vemos que se están lastres.

—Cal foi a maior decepción?

—Hai un retroceso a maneiras do pasado. Vemos un modelo de cidade moi inconcreto, que se volve ao ladrillo e, dalgunha maneira, hai un retroceso democrático no que ten que ver coa participación cidadá. Volven prácticas de escasa calidade democrática.

—A peor?

—O episodio de transfuguismo con Mónica Martínez, do que hai unha sentencia xudicial. Ademais diso, hai pouca tendencia a consultarlle á cidadanía e tómanse decisións en solitario.

—A pesar dese desencontro, segue habendo acordos, como o orzamentario.

—Agora teñen que executalo. Nós podemos presionar pero o goberno executa. A Marea Atlántica está sendo moito máis xenerosa do que se foi con nós no mandato pasado. Por outro lado, cando hai que criticar cousas e amosar ambición, tamén o facemos. Ese equilibrio é o que beneficia á cidade.

—Algún recado para o este ano?

—Que se poñan as pilas. Non estamos vendo axilidade na execución dos orzamentos e o pacto non se pode quedar nunha foto. Eu vou solicitar unha entrevista coa alcaldesa para tratar de encarrilar tamén esa execución dos acordos antes de que chegue o verán.

—O mellor que fixo o goberno?

—O mellor que fai o goberno e acordar coa Marea Atlántica. Temos un bo exemplo nos orzamentos, que inclúen medidas moi importantes como o plan de saúde mental, os 9 millóns destinados a vivenda ou o que ten que ver coa eléctrica municipal. Cremos que estamos facilitando moito eses acordos, que non sempre son fáciles. Somos forzas políticas diferentes, pero temos claro que viñemos aquí a traballar pola cidadanía.

—Un proxecto que fose descartado polo PSOE?

—Moitos. Unha proposta moi importante foi a eliminación do copagamento no Servizo de Axuda no Fogar. As familias fan un importante esforzo de tempo e económico e deixamos preparada a eliminación do copagamento, pero para o goberno de Inés Rey é unha liña vermella que non quixo traspasar. É unha mágoa e seguiremos insistindo.

—Confían en que o goberno non pague polos peiraos?

—Debería, porque non ten ningún sentido pagar 20 millóns de euros para que sexa público o que xa o é. Ademais, non soluciona o petate da débeda da Autoridade Portuaria.

—Como afronta este ano de oposición sabendo que non repetirá?

—A tope. Temos que aproveitar cada minuto. Estamos nun proceso de renovación apaixoante.

—Sondaxe di que obterán tres concelleiros nas municipais.

—As enquisas poden variar moito e os resultados non son bos, pero os indicadores melloran.