Arrancan os actos conmemorativos polo Día das Letras Galegas na Coruña

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

A homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán comezou coa lectura pública celebrada na praza de María Pita

17 may 2022 . Actualizado a las 13:52 h.

O Día das Letras galegas arrancou na cidade da Coruña coa lectura pública de textos do escritor Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado neste 2022. Baixo un ceo cuberto de nubes grises, o acto comezou ás 12.00 horas na praza de María Pita cunha actuación do grupo Os do fondo da barra, pertencente á asociación cultural Xacarandaina, coa que animaron o ambiente das persoas que se congregaban baixo os soportais do Concello. 

Tras esta intervención do grupo, a alcaldesa, Inés Rey, deu comezo á lectura, recitando o poema Aí vén o maio.«Viva o galego, viva Galicia e a seguir disfrutando», exclamou a dirixente municipal tras finalizar a lectura. Polo micrófono foron pasando difentes membros da corporación municipal e voluntarios entre os asistentes, lendo textos do poeta ourensán como Enterro, A cadea, Romance do cabaleiro Ourizo ou Cantiga da vendimia.  

Tras a finalización da lectura pública, algo máis tarde das 12.30, continuou a actuación de Os do fondo da barra.

Sobre esa hora comezou o pasarrúas a cargo de Aturuxo, que saíu desde os xardíns de Méndez Núñez, e foi avanzando cara á praza de Vigo. No camiño, detivéronse en rúas vencelladas ás letras galegas, como Juana de Vega, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. «Este tipo de iniciativas é unha forma de reivindicar a nosa cultura, estou moi a favor», afirmou Nieves García, unha espectadora do grupo durante a súa breve parada na praza de Lugo. «Que chova non está mal, forma parte de todo o ambiente», bromeou.

A chuvia non impediu que rematasen o seu percorrido, amenizando ás rúas coruñesas durante a mañá deste Día das Letras.

Libros e flores na Grela

ANGEL MANSO

Ás 12.00 horas tamén se celebrou en Studio Follow, o espazo creativo localizado na Grela, o evento Momentos Alhambra Spring Bloom, unha actividade na que colaboraron o taller floral Médula, a libraría de segunda man Re-Read e Cervezas Alhambra para encher o local de libros e flores durante este martes festivo.