A Coruña conmemora o Día das Letras Galegas con múltiples actividades culturais

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

O historiador Ramón Villares protagonizou a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán no Festival Primaletras o 11 de maio.
O historiador Ramón Villares protagonizou a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán no Festival Primaletras o 11 de maio. Eduardo Pérez

Durante os próximos días, a cidade acollerá diferentes eventos en relación con esta data, adicada este ano a Florencio Delgado Gurriarán

16 may 2022 . Actualizado a las 14:01 h.

A cidade da Coruña será escenario de múltiples actividades ao longo dos próximos días con motivo do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán

En primeiro lugar, Olga Patiño e Isabel Pintado asinarán este luns o seu último libro, Amaterasu, a partir das 13.00 horas na libraría Arenas do Cantón Pequeno. Tanto neste establecemento como no ubicado na avenida de Oza manterase unha promoción especial cun 10% de desconto en todos os libros en galego.

Doutra banda, O Concello da Coruña organiza dúas visitas guiadas ao cemiterio de Santo Amaro, que neste 2022 cumpre 210 anos. As rutas estarán dirixidas polo actor e guía turístico Suso Martínez, quen achegará ás persoas visitantes a figuras relevantes da cultura e literatura galegas, todas elas vencelladas ao camposanto, onde repousan Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Luís Seoane e Curros Enríquez, entre outros. A primeira destas visitas será ás 16.30 horas, e enfocarase nestes autores. Durante o percorrido, repasarase e recitarase parte da súa obra. A visita nocturna celebrarase ás 21.00, e nela Suso Martínez interpretará a Fiz de Cotovelo, unha ánima en pena, guía da Santa Compaña e personaxe célebre de Wenceslao Fernández Flórez na obra O Bosque Animado.

Ás 19.00 horas, Rosalía Fernández Rial, María Rei VIlas, María López Sández e Blanca Riestra participarán no recital Micro aberto que se celebrará na libraría do centro comercial El Corte Inglés da cidade. En Sada, Xurxo Fernandes actuará ás 22.00 horas na carpa do paseo marítimo.

Ademais, como conmemoración do Día das Letras Galegas, Afundación impulsou un concurso online sobre o autor homenaxeado. O certame consta dun total de 23 cuestións directamente vencelladas á vida e obra do escritor. A participación permanecerá aberta ata o 22 de maio ás 23.59 horas. Quen obteñan o maior número de respostas correctas —sempre superior a once— conseguirá o premio dunha estancia para 4 persoas no establecemento de Turismo Rural Hotel Monumento Pazo do Castro, en Valdeorras.

O centro cívico, a biblioteca municipal, as escolas infantís e a asociación de veciños do Castrillón pendurarán ao longo de varios espazos públicos do barrio tiras de cores con ideas relacionadas con Galicia e a lingua galega.

Actividades no propio Día das Letras Galegas

Este martes 17, o propio Día das Letras Galegas, as actividades organizadas polo Concello da Coruña comezarán pola pola lectura pública de extractos da obra de Florencio Delgado Gurriarán ás 12.00 horas na praza de María Pita. No acto intervirá a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e distintos membros da corporación municipal. Ademais, o encontro estará amenizado pola actuación do grupo Os do fondo da barra, pertencente á asociación cultural Xacarandaina.

Ese mesmo día, tamén ás 12.00, actuarán a asociación cultural Pandereteiras sen Fronteiras na rúa Barcelona e a asociación cultural Maghua na praza de Jaspe Deza, en Elviña. Media hora máis tarde, a agrupación folclórica Aturuxo realizará un pasarrúas desde os xardíns de Méndez Núñez na praza de Vigo. Ás 18.00 horas, haberá actuacións de Os Gaiteiriños, na Gaiteira, e e de Eidos, que percorrerán desde María Pita ata a praza de Lugo.

Ás 18.30 será o turno de Son d'aquí, que irán do Campo de Marte ao Campo da Leña, e ás 20.00 pecharán a xornada Cántigas da Terrra, na praza de María Pita, e Donaire, que actuará entre a praza de Lugo e María Pita.

Doutra banda, o concello de Culleredo dará a benvida á súa Feira de Artesanía, con 83 postos na praza Europa. Desde as 11.00 ata as 20.00 horas, os asistentes poderán comprobar de primeira man como manufactureiros locais e chegados de toda Galicia expoñen produtos feitos en coiro, vimbio ou vidro. Sobre as 12.00, actuacións folclóricas a cargo de Ancoradoira e Catalmibre amenizarán a xornada matutina. Tamén está previsto que o Mago Antón encha a praza de Galicia con Mil maxias máis, un espectáculo con pases pola mañá e pola tarde.

Dani García, tamén mago, volve a Culleredo para executar Museo imposible desde as 17.00 ata as 20.00 horas e A discocleta do señor Lilí estará na praza Europa desde as 18.00. Un antigo triciclo dos anos 60 que dedicado ao reparto de leite transfórmase agora para dar vida a un proxecto enfocado a todos os públicos.

En Sada, ás 12.00 horas comezará un festival de teatro, música e danza de balde na carpa situada na praza Irmáns Suárez Picallo.

Os eventos continuarán ata o 31 de maio

O xoves 19, o Teatro Colón abrirá as súas portas a un concerto especial da Banda Municipal de Música da Coruña con Juan Lois Diéguez como director invitado na presentación de Paseo con aires ártabros.

O sábado 21 celebrarase o percorrido Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Garza, con Susana Aríns, e un concerto de Luar na Lubre no Ágora (21.00 horas). O martes 24 terá lugar o espectáculo teatral infantil Brincadeiras da lingua e o sábado 28 levarase a cabo o último percorrido do circuito Paseos pola Coruña literaria, con Marilar Aleixandre.

O peche da programación de actos polo Día das Letras Galegas en A Coruña terá lugar o 31 de maio, cunha nova xornada de espectáculo teatral infantil no que María Faltri e Jorge Juncal, dentro do programa Apego, interpretarán Soñando inventei.