A visita non só percorre as tumbas e a historia dos grandes escritores que descansan en Santo Amaro —o cemiterio coruñés é o camposanto no que máis autores da lingua galega están enterrados—, senón que Martínez tamén explica o vínculo existente entre moitas das figuras históricas que pasaron pola Coruña ao longo da historia da cidade. Así, por exemplo, nárrase como Picasso, cuxa irmá Conchita tamén está enterrada neste camposanto, admiraba ao polifacético artista Luís Seoane e como coñeceu a Juan Pardo e Junior en París. «Picasso ensináballe aos franceses como comer os percebes, e adoitaba dicir que lle sabían á Coruña», relata o guía. Antón Vilar Ponte, Pucho Boedo, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Clara Corral —en palabras de Martínez, «unha desas mulleres que escribían de noite»— ou Wenceslao Fernández Flórez son algúns dos grandes autores das letras galegas que percorre esta visita especial ao cemiterio de Santo Amaro.
Suso Martínez: «Pola noite, o guía sigo sendo eu, pero Fiz de Cotovelo fagocítame»
Polo Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán, o Concello da Coruña organizou dous pases especiais ao cemiterio. O segundo, que comezou ás 21.00 horas, presentaba diferenzas importantes co primeiro. «Este faise de día e é maioritariamente científico. Traio material sobre os ‘xigantes' das letras galegas. Falo, por exemplo, de Sebastián Martínez Risco, quen presidía a Real Academia Galega durante o 17 de maio do 1963, a primeira vez que se celebrou o Día das Letras e que está aquí enterrado», explica Suso Martínez. «Falo de Pondal e Curros, de Murguía e da súa familia. Ponme bastante triste que Rosalía non estea aquí tamén, pero toda a súa familia si está. Explico a historias dos xa homenaxeados e dos que o serán».