Do diálogo dos orzamentos e outras choqueiradas

Francisco Jorquera TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

A cidade non terá orzamentos até o mes de abril, dous anos e dous meses despois da aprobación das anteriores contas

09 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grupos municipais do PSOE e a Marea Atlántica veñen de presentar o seu acordo sobre os orzamentos do Concello para o 2022. Non foi sen tempo, despois de seis meses de negociación, levadas a cabo con absoluta falta de transparencia e excluíndo os restantes grupos. Un xeito de proceder que sumiu o Concello nunha situación de parálise, coa cidadanía como principal prexudicada.

Pensemos que, en calquera caso, a cidade non terá orzamentos até o mes de abril, dous anos e dous meses despois da aprobación das anteriores contas. Mentres tanto, o Concello continuará a funcionar con orzamentos prorrogados de 2020 (anteriores á pandemia), situación que mingua a súa capacidade de investimento, compromete proxectos fundamentais para a cidade e dificulta o extraordinario labor social do tecido asociativo, ao careceren as entidades de convenios.

Durante eses seis meses de negociación, PSOE e Marea Atlántica estiveron máis preocupados da escenificación que de atender os problemas da cidade, particularmente visibles estes días nos que os incidentes arredor do servizo de recollida de lixo chegaron a ameazar con se converter nun risco para a saúde pública.

E dentro desa escenificación estivo a convocatoria dunha reunión ao resto dos grupos para escoitar as súas propostas. Unha xuntanza cun acordo xa pechado e en tempo de desconto á que non asistimos por ser un paripé cun único obxectivo, o de disfrazar a nula vontade de diálogo de PSOE e Marea.

Un paripé que chega despois do goberno municipal ter roto o acordo de investidura subscrito co BNG no que se comprometía a iniciar a negociación dos orzamentos en setembro e despois de que xa en outubro o noso grupo municipal trasladase as súas propostas sen recibir ningunha resposta. Por moito que todo isto sucedese en tempos de entroido, o BNG non ten vocación de ser comparsa dunha choqueirada.

O BNG, como sempre, poñerá por diante os intereses da cidade e a súa posición de voto nos orzamentos dependerá de que contribúan á rexeneración dos barrios e sexan uns orzamentos marcadamente sociais, comprometidos co dereito á vivenda e favorecedores da reactivación económica e da xeración de emprego.

E, por suposto, dependerá tamén da credibilidade das contas. Xa o di o refrán: «O papel aguántao todo». Non abonda con pór propostas negro sobre branco. É imprescindíbel acreditar vontade e capacidade de as levar a cabo. E o xeito no que o PSOE e a Marea Atlántica xestionaron a negociación non é un bo precedente.