Antigo cárcere provincial: crónica dunha vergoña

Francisco Jorquera TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

Antigua cárcel provincial de A Coruña.
Antigua cárcel provincial de A Coruña. ANGEL MANSO

O voceiro do BNG no Concello da Coruña reivindica a rehabilitación do inmoble, «un importante espazo sociocultural e de memoria»

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O antigo cárcere debería ser un espazo público de primeira orde na cidade da Coruña. E debería selo pola súa situación, o seu valor arquitectónico e a súa significación histórica. Estamos a falar dunha construción que é un dos poucos exemplos de arquitectura penitenciaria panóptica que seguen en pé, cun deseño que responde ás teorías do pensador inglés Jeremy Bentham. É, ademais, un recinto que fai parte da nosa memoria, pois nel estiveron internados centenares de presos políticos durante o franquismo.

O antigo cárcere, rehabilitado, podería ser un importante espazo sociocultural e de memoria e mesmo, pola súa ubicación, podería albergar un centro de interpretación e de atención ás persoas visitantes da torre de Hércules.

Mais o Goberno central, titular da instalación, nin o cede ao Concello nin o rehabilita nin lle dá uso e, por non facer, nin sequera atende as súas obrigas básicas, as que se referen ao mantemento e conservación do edificio. Prefire actuar como el perro del hortelano, que nin come nin deixa comer.

Froito diso, a degradación do cárcere é tan grave que ameaza ruína, cun impacto brutal na contorna da torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade e símbolo da nosa cidade.

Esixirlle ao Goberno central que conserve o edificio e o rehabilite é lembrarlle as súas obrigas máis elementais. E instalo a que logo o ceda ao Concello da Coruña é unha cuestión de xustiza. O antigo cárcere está situado en terreos que eran municipais e que foron cedidos para usos penitenciarios. Rematada esa función, o xusto é que nos sexa devolto.

Así poderemos poñer fin á crónica dunha vergoña.