María Salgado, deseñadora de modelos en Lego: «Son unha das encargadas de construír os novos sets cos que os nenos xogan»

Alejandro García Chouciño
A. g. chouciño A CORUÑA

A CORUÑA

María Salgado na Lego House, na cidade danesa de Billund.
María Salgado na Lego House, na cidade danesa de Billund.

Esta coruñesa tamén prepara a súa primeira novela gráfica en Dinamarca

02 sep 2021 . Actualizado a las 12:27 h.

A súa creatividade é a súa principal fortaleza. Xa no só pola súa formación, na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e un postgrao de Ilustración na BAU, Escola Universitaria de Deseño de Barcelona. Senón porque María Salgado Santana (1991) dispón dunha perspectiva propia. «As miñas ilustracións non son máis ca unha reflexión da miña evolución coma persoa, de como vou cambiando, crecendo, envellecendo, qué vexo e qué penso. Nunhas ocasións estou máis reflexiva e debuxo ou escribo desde dentro, noutras só debuxo á xente ou ás paisaxes que observo, noutras simplemente investigo con novas técnicas que nunca probara» explica esta coruñesa. Estas creacións forman parte do seu proxecto gráfico diario que difunde en Instagram (@salgada). Tamén atópase rematando unha novela gráfica «que será publicada por unha editorial francesa en xaneiro de 2022».

Non obstante, o seu soño profesional chegou fai dous anos e medio, cando deixou o seu traballo en Barcelona para marchar a Dinamarca. Aquí comezou unha nova etapa coa marca de xoguetes Lego: «Agora mesmo son o que en Lego chaman deseñadora de modelos. Somos os encargados de construír con pezas de Lego os novos sets cos que os nenos xogan. É dicir, se unha persoa merca unha caixa ca que pode construir un barco pirata de Lego, nós somos os que fixemos ese barco pirata», precisa.

«Os horarios respétanse máis e polo xeral non se fan horas extras»

A maior diferencia sobre a situación do seu sector entre os dous países «é sen dúbida os salarios, as condicións laborais, e a filosofía de traballo. En Dinamarca ten moito peso o equilibrio entre vida laboral-vida persoal, teñas ou non fillos. Os horarios respétanse máis e polo xeral non se fan horas extras, ou non da mesma forma que en España, que moitas veces parece que se non quedas no traballo máis horas das que che corresponden non estás ‘comprometido' ca empresa. Diría que vexo unha gran diferencia na confianza que se deposita nos deseñadores e na nosa propia xestión do tempo e das tarefas», sinala.

«Permíteme coñecer os procesos creativos dunha das empresas máis importantes do mundo»

Esta experiencia fixo que se sinta «cómoda noutros idiomas e culturas diferentes. Tamén aprendín novas costumes que non coñecía e descubrín que, malia ser diferentes, tamén me gustan. Na área de Deseño de Lego hai xente de moitos países, polo que teño a oportunidade de estar en contacto con moitas culturas diferentes. Eso é moi enriquecedor e faiche abrir os ollos, non idealizar tanto un lugar ou cultura concretas. A nivel profesional, permíteme coñecer os procesos creativos dunha das empresas máis importantes do mundo, é un luxo» relata sobre a oportunidade laboral que vive.

En canto ao seu posible retorno a casa, María confesa que o plantexa a miudo. «Non só A Coruña, senón tamén Galicia en xeral. Son unha persoa bastante morriñenta, malia levar case dez anos fóra de Galicia, e cada vez que vou enamórame máis. Soa moito a tópico, pero en España en xeral a xente é máis aberta, eso non ocorre tanto aquí. Pero de momento non sento que para min teña chegado a hora de volver».