Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais: «O día no que os homes concilien como as mulleres estaremos en igualdade»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

elena
MARCOS MÍGUEZ

Mancha é unha funcionaria coruñesa de alma gaditana

10 jul 2021 . Actualizado a las 22:29 h.

Elena Mancha (Cádiz, 1969), directora xeral de Relacións Laborais e veciña da Coruña, está empeñada en lograr a igualdade real no mundo da empresa.

-As mulleres están discriminadas no ámbito laboral en Galicia?

-En Galicia e, en xeral, en todo o estado español, as estatísticas marcan unha diferenza.

-De que xeito se manifesta esa desigualdade no traballo?

-Hai unha fenda salarial que debemos intentar disolver o antes posible. Na contratación parcial e na conciliación sempre hai unha porcentaxe altísima de mulleres.

-Como solucionamos o tema da conciliación?

-A solución é que os homes se corresponsabilicen. O día que os homes concilien como as mulleres estaremos en igualdade.

-É un tema de concienciación?

-Si, pero de todos. As primeiras, nós. As mulleres temos que saber que podemos chegar, que temos dereito e que temos que esixir o mesmo.

-Non o facemos?

-Cando falas cun directivo dunha gran empresa, che din que, a mesmo nivel profesional, os que reclaman mais son os homes. As mulleres, ás veces, é como se déselles vergonza.

-O teito de cristal existe?

-Claro. Nos niveis mais altos non hai mulleres ou son moitas menos. Cando acaban a universidade, están todas. Pero logo, desaparecen.

-Por que? Están criando fillos?

-Si, e non queren responsabilidades nas empresas. Co cal, eles seguen subindo a súa retribución e nós non.

-Como se combate iso dende a administración?

-Cos plans de igualdade, unha ferramenta importante que aínda non está implantada en moitas empresas. E terían que telo.

-Que pode corrixir e como?

-Un plan de igualdade analiza por que, a igual categoría, cobra mais un home que unha muller; ou por que hai mais mulleres a media xornada ou temporais.

-Haberá que pelexalo moito?

-Na consellería estamos a facer formacións entre todos os colectivos: patronal, sindicatos, xestores, graduados sociais, recursos humanos... A resposta está sendo asombrosa. A unha xornada apuntáronse oitocentas persoas.

-Percibe interese co tema.

-É unha medida revolucionaria que analiza a empresa dende a perspectiva de xénero.

Inspectora de Traballo: Antes de chegar á Xunta, Elena Mancha velou polos dereitos dos traballadores de miles de empresas coruñesas durante 26 anos.

«Neste momento, as empresas teñen que ter un protocolo de desconexión dixital»

A gran preocupación de Elena Mancha a día de hoxe é «conseguir mellorar o emprego, que sexa de calidade e que a pandemia non empeore as condicións do actual». A directora xeral de Relacións Laborais está centrada nas áreas que dan nome a esta consellería: emprego e igualdade.

-A directora xeral teletraballa?

-Pois si, teletraballa e concilia. Eu teño tres fillos e, cando falei coa conselleira para incorporarme, díxome que sen problema. O presencialismo non leva a nada.

-¿O teletraballo sería a solución senón fora porque os horarios, en moitos casos, desaparecen?

-As empresas teñen que ter un protocolo de desconexión dixital. O traballador ou a traballadora teñen dereito a non coller o teléfono ou a non contestar un correo fóra do horario.

-Senón, é unha trampa.

-Senón, estamos atrapadas.

-Que marxe de actuación ten a Xunta en materia de igualdade?

-Temos axudas para que as empresas pequenas se lancen a establecer medidas de conciliación.

-As grandes están obrigadas?

-Na actualidade xa é obrigatorio para as empresas de mais de cen traballadores ou traballadoras. A partir de marzo do 2022, será para as de mais de cincuenta persoas no cadro de persoal.

-A pandemia agravou a desigualdade laboral?

-A pandemia cebouse sobre o sector servizos, que é onde están as mulleres maioritariamente.

-Canto emprego destruíuse por mor da pandemia en Galicia?

-Pola vía do ERE, a destrución está contida, tendo en conta as circunstancias. E agora estamos vendo que empeza a haber ofertas de emprego.

-Pero os ERTE seguen aí.

-Si, aínda hai persoas que seguen en ERTE pero estas cifras van reducíndose.

Carácter andaluz: Nacida en Cádiz, leva media vida na Coruña e di sentirse xa «totalmente identificada» coa nosa forma de ser.