Grande Amore: «Quen quedase sen entrada que me avise, que lle paso uns audios do concerto»

a. fontao / C. A. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

cedida

O post-punk electrónico en galego do artista mariñao este xoves no Teatro Colón

08 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Nuno Pico, pero faise chamar Grande Amore. Trae post-punk electrónico en galego e vai subir a escena underground este xoves ao escenario do Teatro Colón. Seguramente o acompañen uns aires de pillo e moitos puntos de retranca, necesarios para tocar temas coma Non sei cantar. Pero non lle fai falta afinar, canta con auto-tune e pide Perdón por ser tan sexy.

- As entradas para o concerto do xoves están esgotadas. Que sintes ao subir a un escenario ante un público coma o que se prevé?

-Sinceramente, toco máis tranquilo neste tipo de situacións. Aínda que o aforo está limitado e se van manter as distancias, eu prefiro iso que a incertidume. Por pura estatística, é máis probable que lle guste a máis xente. Pinta moi ben, estou nervioso, coma sempre, pero confiado.

- Facer música nesta lingua foi unha escolla ou era algo que tiña que ser?

- Para min non foi unha escolla. Foi algo completamente natural. Sempre falei en galego, é o único idioma que domino, o único código no que me desenvolvo ben, entón, non tería sentido facer música noutro idioma. Non sei que supón facer música en galego porque tampouco fixen nunca música en castelán. Tampouco sabería se supón trabas ou non, creo que non, pero é un debate que nin sequera teño. Nunca.

- Que lle dirías a unha persoa que quedara sen entrada para o Teatro Colón?

- Home, se foi por un motivo de causa maior, quen quedase sen entrada que me avise, que lle paso uns audios do concerto co móbil. Pero se foi por non mirar a tempo, a ver, que eran gratis as entradas... Non home, diríalle que vai perder un concerto interesante. Ía dicir que a min daríame pena quedar fóra, pero claro, sería curioso que eu quedase fóra do meu propio bolo. Pero haberá máis concertos: en Miño no Loro Facu, que é o 23 e 24 deste mes, ou no Nachiños Fest en Ferrol, o 20 de agosto.

- Que adoitas facer ao rematar os bolos?

- Creo que hai moita mitoloxía detrás do que fan os músicos ao rematar os concertos. Pero eu, por como son, o que fago é comer calquera asquerosidade rápido e irme deitar. Ás veces, saio despois dos concertos e nunca son as noites nas que o pasas ben.