A danza contemporánea chega a 27 espazos singulares galegos no verán

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA

O novo proxecto foi presentado en Santiago coa actuación de Glovo.
O novo proxecto foi presentado en Santiago coa actuación de Glovo. Sandra Alonso

O programa Propulsa reúne 30 compañías, 23 de Galicia

26 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A danza contemporánea, o patrimonio cultural e a paisaxe fúndense no novo programa Propulsa, que durante este verán chegará a 27 espazos singulares de toda Galicia. A iniciativa impulsada desde a Xunta contará coa participación de 30 compañías, 23 galegas e sete formacións convidadas do resto de España, Francia e Portugal. «Este programa une tres variables moi potentes e singulares de Galicia: a capacidade produtiva e artística da danza contemporánea galega mesturada co patrimonio e a paisaxe», incidiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

O ciclo comezará o 2 de xullo no peirao de Rinlo, en Ribadeo, coas compañías Entremáns, Colectivo Glovo e iXa Universos de Movemento. As actividades, que se desenvolverán os venres, sábados e domingos, tamén chegarán durante xullo e agosto a espazos como castelos, pazos, adegas, parques, castros, cabos e prazas dos concellos de Palas de Rei, Noia, Portomarín, Chantada, Lugo, Monforte, Ribeira, Negreira, Fisterra, Ames, A Pontenova, Dumbría, O Pereiro de Aguiar, Monterrei, Parada de Sil, Bande, A Rúa, Tui, Celanova, Melón, Mos, A Estrada, Sanxenxo, Marín, Lalín e Ponteareas, onde finalizará o 29 de agosto no castro de Troña con Álvaro Murillo, Fran Martínez, NODE e Fran Sieira. «Será unha excelente mostra das compañías, coreógrafas e intérpretes galegas», subliñou Manuel Lago, membro da produción do programa Propulsa, engadindo que se poderán ver propostas de moi variados estilos para facer «unha viaxe a través da danza contemporánea».

As actuacións gratuítas ao aire libre terán unha capacidade limitada de público, detallou o director da Agadic, Jacobo Sutil.