O primeiro premio de Xela Arias, na Coruña por un conto cando tiña 11 anos

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Xerais

A coruñesa Agrupación Cultural O Facho escolleu no 73 a historia da nena viguesa, como xa fixera coa A galiña Azul de Casares

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai xa certa cantidade de anos, non sei cantos, estaba eu na miña casa de Xemil e tiven unha idea: ir viaxar a explorar o mundo. Pois ben, comecei a facer as maletas recollendo todos os meus trebellos. Metín as maletas e bolsas no ascensor e baixei. Abrín o coche e a correr. Ía a douscentos por hora. Este coche meu é un Leopardo a reacción que inventaron uns científicos amigos meus». Así comeza a historia que Xela Arias titulou A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia e co que se presentou ao certame creado pola Agrupación Cultural O Facho da Coruña no ano 1973.

Ela tiña só 11 anos e o xurado viu algo especial naquel imaxinativo xogo de palabras que recoñeceu co primeiro premio da categoría de Contos dos Nenos, para rapaces de entre 10 e 15 anos. «Coido que o noso concurso foi o primeiro, e se non o primeiro o segundo despois do da agrupación compostelá O Galo, que se creou no país para fomentar o uso da escrita en galego. Aínda existe hoxe, malia que leva un ano parado polo covid», destaca o presidente do Facho, Alberte Corral Iglesias.

A agrupación, da que xa formaba parte Corral no ano 1963, cando botou a andar, foi unha pioneira en Galicia no fomento do galego. «Estaba perseguido, foi e é unha obriga fomentalo. Cos anos, comezamos a recibir máis escritos, tanto na categoría de contos para nenos como na de contos escritos por nenos. Hoxe, chégannos historias de rapaces do Bierzo ou do Navia, en Asturias, algúns deles tamén premiados», engade Alberte, que lembra quen foi o primeiro galardoado da historia do certame. «A galiña azul, de Carlos Casares, no 63».

«Desde cativa, en Sarria, e despois en Vigo, falaba galego. O que vai ser a chave para que consiga un dos seus maiores soños é a súa alta competencia no galego falado e escrito. Fórona un pouco a buscar á casa desde Xerais para traballar na editorial cando aínda estaba a estudar a secundaria», apunta Yolanda Castaño, autora da biografía Xela quixo ser ela (Xerais). O papel do pai, o mestre Valentín Arias, foi decisivo na rapaza que, con 11 anos, firmou o seu conto das fragas non como María de los Ángeles, senón como Xela, como recolle no boletín do Facho. Outra mostra da súa personalidade.