Xurxo Fernandes, músico: «Na nosa tradición oral temos conexión co Mediterráneo»

A CORUÑA

O 9 de abril presenta «Levaino!» no Teatro Rosalía, no que une a música tradicional galega coa das comunidades sefardís de oriente

19 mar 2021 . Actualizado a las 09:17 h.

Xurxo Fernandes (A Coruña, 1980) é inquedo, perfeccionista e acaba de anunciar que dá un xiro á súa carreira profesional para conxugar as dúas vertentes que levaba presentado ata o momento, a tradicional galega, que o levou a integrar Trebón ou Radio Cos, e a sefardí, co seu proxecto Jako El Muzikante. Esta nova andaina deste veciño de Meirás, coa que saca o disco Levaino!, presentarase o día 9 de abril no Teatro Rosalía de Castro.

-Cando comezou o seu interese pola música tradicional?

-Sobre os 14 anos empecei a interesarme, primeiro por un interese lingüístico porque os meus avós tiñan trazos diferentes, porque aquí, dependendo da parroquia varía, e a partir de aí comecei a gravar a xente maior. Foi algo progresivo e funo desenvolvendo ata non hai moito. No meu labor de investigación primeiro foron as recollidas polas aldeas de Galicia, e despois en paralelo, aínda que algo máis tarde, coas comunidades sefardís de oriente. Fixen un traballo de campo en Grecia, Turquía, Bulgaria e Marrocos. Investiguei a súa tradición oral e plasmeino en Jako El Muzikante. Tamén cheguei aí por un interese lingüístico, fascinoume a lingua que falaban, compartida, mesturada de castelán, hebreo e turco. De aí saltei á música.

-Como foi ese achegamento?

-Primeiro comecei indo polos asilos, despois coas familias e de aí a entrar nas casas. É un mundo que non se coñece. Teñen palabras en galego na súa lingua e é fascinante. Eses dous mundos, o galego e o sefardí, sempre viviron de costas un do outro e neste proxecto xúntoos, é un vínculo existente previamente. Na tradición oral galega temos unha conexión por explorar co Mediterráneo. Estes cantos que temos na tradicional oral, estes melismas, están moi conectadas co Mediterráneo e non tanto co mundo celta. A tradición oral cantada, sen dúbida ningunha, está conectada co norte de África, co Rif, con Marrocos. A nosa maneira de entender a voz e a percusión non existe nos chamados países celtas e si existe para abaixo. Ademais, onde máis se mantivo a tradición da pandeireta na península ibérica foi na ruta da prata.

-Que imos atopar en «Levaino!»?

-Ver como se conxugan eses dous mundos. Parecíame interesante presentar eses dous Xurxos.

-A que van soar os 12 temas?

-Gustaríame que o dixera o público, é demasiado tendencioso dar a miña opinión, pero creo vai soar a algo diferente, vai ser unha música evocadora, que ás veces nos leve cara o Mediterráneo, nos enterre os pes na nosa terra, e outras veces nos sitúe onde estamos, porque sen dúbida existe unha conexión moi potente con ese outro mundo, máis alá da histórica. Mais non pretendo presentar este proxecto dende un punto de vista histórico, senón facer unha proposta musical que nos invite a vernos a nós mesmos dende outra tradición.

-Quen o acompañará?

-A banda (Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña) e tamén Pandereteiros sen Fonteiras. Antes, o día 22, sairá un single Levaino!, que é unha exhortación a manter a identidade

-Coa que cae non pensou adiar o lanzamento?

-Penso que temos que animarmos. A música é un alimento para o espírito e sempre hai que seguir facendo cousas.