a coruña / la voz

«Se Abanca quixese, nós encantados de xestionala», adianta Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega (RAG), sobre o futuro da casa da rúa Príncipe 3, no corazón da Cidade Vella coruñesa, onde Rosalía de Castro escribiu fai agora 150 anos algúns dos versos máis cantados da historia da literatura galega.

O edificio, bo expoñente de arquitectura barroca do século XVIII, leva pechado preto de 15 anos desde que a Fundación Caixa Galicia se fixera con el tralo cese do restaurante que ocupaba a planta baixa. O banco chegou a ceder o inmoble á RAG pouco tempo despois, cando na sede da rúa Tabernas mandaba Xosé Ramón Barreiro, mais a crise do 2007 tombou de xeito irreparábel o propósito de converter a residencia da poeta nun espazo mixto dedicado á Academia e á propia Rosalía. O financiamento prometido por Madrid non chegou a concretarse, e a emblemática casa retornou ao seu propietario. «A cesión era por 20 anos e a Academia tiña que xestionar a rehabilitación e despois devolvela. Algo peculiar, penso eu, porque se cha ceden e che financian, aínda, pero as condicións eran moi gravosas e así quedou, en nada», subliña Monteagudo.

Daquela época consérvase o proxecto de rehabilitación do edificio que firmou Andrés Fernández-Albalat Ruiz por encargo da RAG. Hoxe está en mans de Afundación, pois ao chegar Víctor Fernández Freixanes á presidencia da institución no 2017 a entidade financeira pediulle o documento, e na rúa Tabernas non puxeron reparos. Abanca, con todo, nin obrou nin atopou función para a casa de Rosalía e Murguía. No catastro só consta unha reforma no 2015, xa co inmoble inscrito para uso cultural, que Afundación cingue a «traballos de mantemento» dos que periodicamente afronta para garantir a súa conservación. 

Xunta e Concello, coa RAG

As Administracións tampouco moveron ficha para dignificar a casa de Rosalía. Concello e Xunta ampáranse na propiedade privada do inmoble e recalcan que non recibiron proposta algunha para intervir na cuestión. Curiosamente, tanto o goberno local como o autonómico comprometéronse coa Real Academia Galega a atoparlle unha sede alternativa onde instalarse mentres duren os traballos de rehabilitación integral do edificio de Tabernas.

«Estamos agardando a que nos concreten cando empezan as obras e as necesidades de espazo para poder ofrecerlles ubicacións», sinalan desde María Pita. A RAG, oito anos despois de comezar o proxecto de reforma -con Ana Pastor no Ministerio de Fomento- xa non desbota nada. Probabelmente a partir do ano que vén, e polo menos durante 18 meses, os delicados e voluminosos fondos bibliográficos e os traballadores terán que trasladarse a outro lugar. A que foi residencia de Emilia Pardo Bazán na parte baixa da Cidade deberá someterse a unha fonda intervención de baleirado para asegurar a estrutura que tantos libros -gardados no faiado- puxeron en perigo co paso dos anos. «Non era o que nós pretendiamos», afirma Henrique Monteagudo, superado pola envergadura dunha obra que naceu moito menor e medrou por un informe contundente do técnico do ministerio que advertiu o risco de colapso. «Veremos onde acabamos. Temos Meirás. Poderiamos levar unha parte para alí. Ou á casa de Rosalía, que está ao lado. Veremos, levamos así desde o 2012», anota o secretario da Academia. 

A casa onde Rosalía escribiu ás viúvas de vivos e mortos, baleira e «sen uso definido»

Montse CARNEIRO

Tralo fracaso da cesión á RAG, Afundación mantén pechada a residencia da poeta

Rosalía de Castro segue durmida -como lle cantou Curros ao pé da tomba- na cidade que inspirou os versos máis universais, «viúvas de vivos e mortos / que ninguén consolará», inmortalizadas pola poeta cando despedían aos seus homes «no murallón antigo do Parrote» antes de embarcar no vapor que os había levar á Habana.

Nada queda na casa onde Rosalía escribiu eses versos, onde naceu a súa filla Amara e desde onde vía pasar a unha orgullosa e triunfante Emilia Pardo Bazán, que miraba de reollo o recoñecemento popular á poeta dos oprimidos. A casa é propiedade de Afundación, atópase «sen uso definido» e alomenos leva nove anos pechada desde que a Real Academia Galega tivo que devolvela ao banco, ao non ser quen de rematar a reforma necesaria para ocupala.

Seguir leyendo

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Academia Galega busca sede provisional na Coruña coa casa de Rosalía a cen metros e sen uso