«Chegado o momento, merecemos que se restitúa o honor da hostalería»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

EDUARDO PEREZ

A plataforma xurdiu para defender ao sector que máis padece as restricións

01 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai apenas un ano apenas eran un puñado de hostaleiros do Orzán organizándose para velar polos seus intereses. Pero a pandemia converteu a Shostalería na plataforma que está levando a voz cantante nas reivindicacións do sector máis afectado polas restricións. Funcionan de modo asembleario e co traballo repartido. A estes tres hostaleiros -Xabi Barral, Pedro Villarino e Víctor Rama- tocoulles o de falar no nome do resto. E por iso falan os tres pero cunha soa voz, a de esta plataforma que xurdiu no entorno da Pescaría e que xa se ten estendido por toda a cidade e máis aló, aglutinando a profesionais que teñen un nexo común: «Gústanos definirnos como hostaleiros de proximidade, dos que tratamos directamente co cliente e estamos a pé de barra».

-A pasada semana, na protesta do Obelisco, había hostaleiros de todo tipo e de todas as zonas da cidade. Cantos membros son agora?

-Somos unha plataforma cidadá que ten asinantes entre os que hai autónomos, traballadores por conta allea, clientes, provedores... Un panorama moi variado, cuns 300 asinantes en total, entre os que hai algo máis de 70 locais hostaleiros. E xa estamos desde fai algo máis dun mes en comunicación con plataformas de outras partes de Galicia, como Pontevedra, Poio e Marín, Santiago, Cangas, Ribeira, Barbanza, Betanzos, Arteixo, Cambre... Na protesta do outro día participamos todos en distintas localidades, pero coordinados pola plataforma galega, e baixo un manifesto común.

-Están preparando novas mobilizacións?

-A próxima será o 13 de marzo, coincidindo co cabodano do primeiro peche, en Compostela. E o seguinte será conformarse como asociación de hostaleiros da zona norte e ter así un interlocutor válido coa Xunta, pero aínda temos que falar un pouco máis co resto de plataformas.

-Non tiñan xa os hostaleiros da cidade unha entidade que lles representase?

-Existe a Asociación de Empresarios de Hostelería, pero é que na plataforma máis que empresarios considerámonos autónomos, traballadores por conta propia que estamos nos nosos locais, na barra ou na cociña. Ademais, esa asociación, que era a que estaba negociando coas administracións, non estaba representando ben ao sector, ao noso parecer. Nin estaba sendo valente á hora de pedir nin táxante á hora de dicir que non a certas cousas.

-Por qué cren que se sinalou á hostalería desde o primeiro momento?

-Nunca quixemos compararnos con outros sectores, todos o estamos pasando moi mal e non queremos ir a chorar as nosas miserias ás portas de outros. Pero si que somos o sector que máis restricións está sufrindo. Supoño que é un toque de queda encuberto. Mandar á xente para casa ás seis da tarde non é unha medida moi popular. Se pechas os bares a esa hora, o efecto é case o mesmo. Así o teñen dito os comerciantes, que cos bares pechados non hai xente na rúa e non fan negocio.

-Cómo ven o futuro inmediato?

-O único que se nos pasa pola cabeza é cándo teremos que volver a pechar. Así están os ánimos. A sensación de inestabilidade e incerteza é total, e a moral está moi baixa.

-Esta fin de semana baixaron as restricións e permitiuse abrir en terraza ca metade das mesas.

-Si, pero só abriron 13 locais dos setenta da plataforma, algo menos dun 20 %. Uns porque non teñen terraza, outros porque non lles compensa abrir para servir dúas mesas. E ademais hai que pechar ás seis, así que de ceas nada.

-En breve terán que fichar os clientes dos bares có código QR.

-Nos non podemos obrigar ao cliente a facelo, non temos autoridade para iso. Ademais, volve a darse un agravio comparativo. Só afecta a hostalaría. Alguén que ven á cidade dende Madrid pasa po un avión, colle o transporte público, está reunido con xente nunha oficina, vai de compras a un centro comercial e cena nun restaurante. E no único lugar que consta que estivo se contrae o covid, é no restaurante. Non é serio.

-Volverá a normalidade á hostalería?

-Chegado o momento, creo que nos merecemos que se restitúa o noso honor. Debería partir da propia Xunta unha campaña que animase a volver aos bares dun modo seguro, insistindo en que pódese estar nos bares con seguridade.

«Se somos tan perigosos que nos pechen, pero cun plan de rescate do sector»

Desde Shostalería manteñen que as axudas ao sector das diferentes administracións mostráronse pouco efectivas.

—Son o sector máis afectado polas restricións, pero tamén o que máis axudas ten anunciadas.

—Si, a xente nos pregunta de qué nos queixamos se temos axudas. Pero é que a cousa non é tan doada. Se as cifras anunciadas, por exemplo, pola Xunta as divides polo número de licencias que hai en Galicia e polos meses que levamos sen facturar verás que o que lle toca a cada local non chega nin para pagar un mes de aluguer. Aparte, a maioría da axuda regresa ás arcas da administración en concepto de pago de impostos. Ademais, para optar a esas axudas están fixándose nos nosos ingresos pero non tendo en conta os gastos, as inversións que tivemos que facer para acondicionar os nosos locais ás novas normas ou toda a materia prima que tivemos que tirar en cada peche. E hai moita xente que queda fora do plan de axudas, como os técnicos das billas de cervexa, que só cobran se traballan. É unha cadea moi longa, e iso viuse na caravana que organizamos na que participaron distribuidores, repartidores, taxistas... Todos están afectados polo peche da hostalería.

—Qué se pode facer entón?

—Din que a economía non da para cubrir isto e, para colmo, as diferentes administracións non souberon estar á altura para ir da man e facer forza conxunta. Pois se admiten que non son capaces de dar unha resposta axeitada, polo menos que nos paren as cargas. Que non nos cobren autónomos nin os seguros sociais, ou os impostos do trimestre, que aínda que se fraccionen tereinos que pagar despois. Se somos tan perigosos que nos pechen pero cun plan de rescate do sector.