Domingo Calvo, da UDC: «Nunha crise, o gasto en educación non só ten que manterse, debe crecer»

Mila Méndez Otero
mila méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

dopico
MARCOS MÍGUEZ

O plan de financiamento dos próximos catro anos quedou interrompido en marzo do 2020 polo covid; hoxe volven reunirse as tres universidades con Facenda

26 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa pandemia, toca volver ás restricións. Esta é a palabra que enmarca os presupostos da UDC do 2021. Unhas contas que, con todo, crecen un 4,37 % este ano, acadando os 137 millóns. As transferencias correntes da Xunta, 96,7 millóns, son a fonte principal de ingresos que, aínda así, non acadan para cubrir a partida de persoal, de 102 millóns. A redución dos gastos correntes, 16,2 millóns, e a suba dos ingresos polas matrículas son outros dos titulares duns números aos que o Consello de Goberno, do que forma parte o vicerreitor de Economía Domingo Calvo, deu onte luz verde.

-Está preparada a UDC para asumir recortes, coma os que trouxo a crise do 2008?

-Hai unha gran incerteza. Neste ano, a pesar da contención do gasto, mantivemos todas as axudas a estudantes e investigadores. Son máis necesarias ca nunca. O gasto en educación non só ten que manterse, debe crecer. Por iso o que pedimos é que aumente o financiamento estrutural, o que aporta a comunidade autónoma, agora, case o 77 % do total.

-As universidades públicas deben de ser eficientes, como a empresa privada?

-A universidade debe ser competitiva e autosuficiente, temos que render contas ante a cidadanía. A proba é que a partida procedente dos fondos de rendemento creceu máis de tres puntos nos tres últimos anos, pasou do 21,04 % ao 24.31 % actual. Pero, independentemente disto, hai que garantir a calidade docente por todos os medios. A pandemia pon de manifesto que o coñecemento vai ser a ferramenta de xestión das crises do futuro. Na crise do 2008, Alemaña foi o país que máis PIB destinou á investigación. Agora, é un dos países que mellor está a soportar esta situación. Non deberiamos repetir os erros do pasado. As universidades aportamos moitísimo á I+D, aportamos o capital humano. A UDC estase a posicionar en áreas de gran futuro para a sociedade, impulsando grandes campos de especialización, como o Campus Inova, e con grupos cada vez máis competitivos.

-Compiten entre si as tres universidades galegas?

-As tres competimos e nos avalían en base aos indicadores de rendemento, unha das vías de ingresos dos orzamentos, chamada panel de indicadores. Estes fondos caeron pola caída do PIB, pero a UDC está a ser produtiva. O rendemento de investigación e transferencia é crecente e lideramos indicadores dentro do Sistema Universitario Galego (SUG) coma o de produción de patentes e rexistro de software.