A casa onde Rosalía escribiu ás viúvas de vivos e mortos, baleira e «sen uso definido»

Tralo fracaso da cesión á RAG, Afundación mantén pechada a residencia da poeta


a CORUÑA / LA VOZ

Rosalía de Castro segue durmida -como lle cantou Curros ao pé da tomba- na cidade que inspirou os versos máis universais, «viúvas de vivos e mortos / que ninguén consolará», inmortalizadas pola poeta cando despedían aos seus homes «no murallón antigo do Parrote» antes de embarcar no vapor que os había levar á Habana.

Nada queda na casa onde Rosalía escribiu eses versos, onde naceu a súa filla Amara e desde onde vía pasar a unha orgullosa e triunfante Emilia Pardo Bazán, que miraba de reollo o recoñecemento popular á poeta dos oprimidos. A casa é propiedade de Afundación, atópase «sen uso definido» e alomenos leva nove anos pechada desde que a Real Academia Galega tivo que devolvela ao banco, ao non ser quen de rematar a reforma necesaria para ocupala.

«En Santiago vai un frío arrepiante e apareceu aos meus ollos tal cal o describín en Mauro. Xamais vin tanta soidade, tanta tristeza, un ceo máis pálido. En troques, A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por ficar xa nela», escribe Rosalía a Murguía en decembro de 1861. Dez anos despois a familia instálase no 3 da rúa Príncipe, daquela rúa Padilla, a 200 metros do Arquivo do Reino de Galicia onde Murguía toma posesión como director. O matrimonio amontoa «débedas grandísimas» -conta Xosé Luís Axeitos- que Murguía salda vendendo a herdanza do pai. Os 20.000 reais que cobra non dan para unha vida burguesa con cinco fillos e criados. Rosalía visita o cenotafio de Sir John Moore no xardín de San Carlos e dedícalle un célebre poema. Ten 34 anos e xa é a poeta nacional de Galicia. Cento cincuenta anos despois, na cidade do sol brillante non hai quen lle abra as ventás.

«Para ladrillo, ni un céntimo»

De ter saído adiante, a Real Academia Galega disporía hoxe das residencias das dúas escritoras maiores da literatura de Galicia: o pazo de Pardo Bazán na rúa Tabernas e, a 170 metros, a casa de Rosalía, un edificio sobresaínte do século XVIII coroado por un ático engadido por Juan de Ciórraga. A cesión da vivenda pola Fundación Caixa Galicia foi rubricada no 2007 por Xosé Ramón Barreiro e José Luis Méndez, mais a crise levouna ao garete. A axuda estatal para a rehabilitación non chegou -«Para ladrillo, ni un céntimo, dixéronnos», lembra Axeitos- e no 2012 o edificio volveu á entidade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A casa onde Rosalía escribiu ás viúvas de vivos e mortos, baleira e «sen uso definido»