«O contacto co público, agora perdido, é o que fai especiais ás artes escénicas»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Juan Rodríguez, entre Pablo Sánchez y Laura Sarasola
Juan Rodríguez, entre Pablo Sánchez y Laura Sarasola cedida

Tras triunfar có seu «Lázaro de Tormes» agora se atreven con Cervantes

15 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva tempo no complexo mundo das artes escénicas dirixidas a ese público tan duro que é o infantil e xuvenil. Con Caramuxo Teatro, Juan Rodríguez e o resto do equipo teñen feito de todo desde a súa creación no 2003 e pasado por todo tipo de vicisitudes. Tanto é así que hai un par de anos barallaron a posibilidade de facer teatro clásico para un público familiar. E para comezar, acudirían aos referentes máis absolutos. O resultado foi a compañía Pedras de cartón e a súa primeira obra, unha adaptación de Lázaro de Tormes sen diálogos e con máscaras, que dirixiron Laura Sarasola e Pablo Sánchez. Pero un inesperado xiro de guión cruzouse nesta historia en forma de coronavirus. Aínda así, triunfaron no festival de Almagro, onde tiveron unha mención especial, e xa están preparando a súa segunda montaxe, nada menos que unha adaptación do Quixote.

-A aparición de Pedras de cartón, supón a fin de Caramuxo?

-En absoluto. Van en paralelo. De feito acabamos de estrear un espectáculo con Caramuxo para bebés fai uns meses, así que seguimos. Pero isto é unha liña diferente. Pensamos que aquí en Galicia non se traballou moito o tema dos clásicos, sobre todo para o público infantil.

-É que os termos teatro clásico e público infantil non parecen casar moi ben de entrada.

-Pois esta primeira montaxe de Lázaro de Tormes foi moi ben. Tivemos a oportunidade de levala ata o Festival de Teatro Clásico de Almagro e a partir de iso saíron outros festivais en Madrid, Portugal... Tivo moito movemento, e iso mostra que hai demanda deste tipo de espectáculos.

-Moveron a obra a pesar da pandemia.

-Tivemos bastante sorte de poder actuar. Tanto con Caramuxo como con Pedras de cartón nos reactivamos moi rápido e xurdiron moitas actuacións, algunhas en exterior, outras con foros reducidos, pero estabamos onde había que estar. Por exemplo, en Almagro, as representacións familiares fixéronse por streaming. Así que fomos en xullo do ano pasado ata alí a facer a función e despois botouse pola rede. Todo o mundo está buscando opcións para que a cousa non pare, é o que hai que facer. A xente da cultura estamos botándolle moita imaxinación para poder facer cousas. Para o Xacobeo, por exemplo, fixemos con Caramuxo unha versión online dunha obra nosa. Hai que buscar alternativas. Ata montamos o ano pasado unha especie de programación teatral nos escaparates dos comercios da Coruña.

-Cómo viviron estes meses tan complexos para a cultura?

-A estrea da nosa primeira obra foi en outubro do 2018 en Narón. E pouco máis dun ano despois, pecha todo. Cando se reactivou un pouco a cousa, no verán, tivemos que poñer de novo en marcha a montaxe para poder ir aos festivais. E si, tivemos movemento, pero nun ano normal seguro que tería sido moito máis.

-Dese paso das artes escénicas ao formato dixital, cre que quedará algo para o futuro?

-Algo quedará, pero máis como promoción que outra cousa. Porque ao final as artes ao vivo teñen iso que non teñen as outras: o contacto. É o que as fai especiais e que agora temos perdido. A xente, en canto poda ir a un concerto ou a unha obra de teatro ou a un festival, vai saír en masa. É algo que necesitamos, ese contacto coa xente.

-Comezaron con Lázaro e agora van co Quixote. Non podían ir máis a modo?

-[Ri]. É importante coñecer de ónde vimos para poder avanzar. O punto de partida para Pedras de cartón sempre foi facer montaxes que fosen atractivas para o público máis novo, que ollasen aos clásicos como algo divertido. Conseguimos que máis adiante, se queren ler aos clásicos, que saiban algo, que recoñezan cousas e personaxes. Así lles será máis sinxelo.

-Cómo se pode prescindir dos diálogos nunha obra como Lázaro de Tormes?

-Fai moito a banda sonora, feita concretamente para este espectáculo. É o texto da obra ao final, o que apoia toda a acción. A xente nos dixo que non botaba en falta texto. Non é mímica sen máis, é acción real na que se están expresando cousas, e iso chégalle á xente.

-E ademais, con máscaras.

-Fíxoas unha rapaza da Coruña, Antía, que ten un obradoiro que se chama Tigre de papel. É incrible o seu traballo. Xa fixeramos cousas con ela en Caramuxo, e sempre é algo precioso. Ademais, iso é algo que sempre intentamos dende Caramuxo e tamén con Pedras, apostar polo tecido local, tirar de persoal que sexa da cidade ou da contorna. Incluso as cousas de atrezzo as mercamos no comercio local. É un esforzo que hai que facer polo ben de todos. Sería máis doado encargar por Internet as cousas que necesitamos para un espectáculo, pero hai que facer esa aposta polo noso.

«A nosa montaxe do Quixote foi pensada dende o inicio para poder facerse na rúa»

Dende Pedras de cartón teñen clara a súa vocación por levar máis alá a súas obras. O feito de que aposten por eliminar ou reducir ao mínimo o texto destes clásicos fai que as súas montaxes sexan, por unha banda, máis próximas ao público infantil e, por outra, totalmente exportables ao resto de territorios: «É un achegamento moi aberto, o que nos permite entrar en comunidades nas que ao mellor o texto podería limitarnos», explica Juan Rodríguez. Así se demostrou co seu éxito en Almagro. Haberá que ver se este se repite con futuras montaxes.

-Tendo en conta a progresión que levan, a súa seguinte adaptación que será, A divina comedia?

-[Ri]. Pois a verdade é que non o sei aínda, teño que darlle unhas voltas. Pero podería ser! O importante é buscar técnicas diferentes. En Lázaro usamos máscaras, neste Quixote o personaxe é máis como un pallaso feliniano. E a ver a seguinte. Pero imos con calma, que aínda temos que estrear o Quixote.

-E cándo se estreará?

-Nun principio, crucemos os dedos, o 7 de marzo, no festival de Teatro Clásico de Lugo. A partir diso, temos tamén pechadas funcións en Narón, en Oleiros, Cariño, Sada... Temos varios bolos pechados, e agardamos que en canto se empece a reactivar un pouquiño todo, xurdan máis actuacións.

-E están preparados para facelo ao aire libre, se así o esixe a normativa do momento?

-Claro, de feito no achegamento deste espectáculo xa o presentamos como algo perfectamente adaptable á rúa. Xa dende o inicio, dende que empezamos a crear, foi pensando para poder facerse no exterior, tendo en conta que este verán vai ser moi parecido ao anterior.