Escenas do Cambio reivindica as artes e a experimentación en tempos de covid

borja casal SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

O festival escénico volve en febreiro con maior representación feminina

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa súa sétima edición, o Escenas do Cambio 2021 volverá en febreiro para reivindicar, agora máis que nunca, as artes escénicas e os espazos de acción como lugares de encontro. O festival programará en Santiago propostas diversas, que van desde o teatro á danza, onde a experimentación e a vangarda xogarán un papel fundamental. Todas elas chegarán á Cidade da Cultura e a outros espazos da cidade, como a Fundación Granell ou as rúas de Compostela, entre os días 18 e 21 de febreiro.

«A aposta do festival pasa pola busca de novos formatos, sempre coa mirada posta no futuro», sinalou Lola Correa, encargada da dirección, na presentación pública que se fixo onte no Gaiás. Correa tamén quixo poñer en valor a cultura «como un dereito innegable para artistas e público» e destacou a importancia de que os creadores manteñan tensións co entorno para non verse paralizados, reafirmando así a importancia de experimentar.

Xunto a Correa, na presentación tamén interviñeron as directoras Ana Vallés, de Matarile Teatro, ou Marta Pazos, de Voadora. Esta última, que presenta o espectáculo de teatro visual Sincro, que definiu como «un achegamento absoluto á miña intimidade», salientou a importancia de Escenas do Cambio nun contexto como o actual. «As artes vivas son o único lugar que nos queda para ver seres humanos sen máscara», apuntou. O resto de acompañantes na presentación do evento tamén reivindicaron a importancia das artes nun momento como o actual. Nese sentido, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, afirmou que «agora máis que nunca había que sacalo adiante, aínda que non saibamos como imos estar en febreiro» e valorou o papel que xoga o festival para as artes en movemento en Galicia, mais tamén subliñou «as chiscadelas que fai cara fóra».

Esta sétima edición acollerá a estrea en España de Romeo e Julieta a partir do Prokofiev, do portugués Miguel Moreira. «Un referente da innovación estética», describiu Lola Correa. Entre o resto de propostas destacan Suicide notes, que trata o suicidio a partir das notas de despedida de artistas recoñecidos, un paseo pola cidade con Robert Walser, interpretado por Marc Caellas, ou o obradoiro poético que impartirá Julio Fer.

Presenza feminina

Na liña de anos anteriores, o festival rexistra unha alta presenza feminina que pon en valor o traballo da muller nas artes escénicas. «Non sempre se recoñece, por iso cómpre darlle visibilidade», indicou a secretaria xeral de Igualdade, López Abella.