Berta Dávila gaña o Premio de Narrativa Breve Repsol con «Illa decepción»

Elena Silveira
Elena Silveira A CORUÑA

A CORUÑA

Ángel Manso

O galardón, que será entregado en novembro, está dotado con 12.000 euros

30 sep 2020 . Actualizado a las 23:55 h.

A escritora santiaguesa Berta Dávila é a gañadora da última edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, galardón que este ano cumpre xa 14 anos. O anuncio realizouse esta mesma mañá na sede da Real Academia Galega na Coruña, destacando a unanimidade do xurado á hora de elixir Illa decepción entre as máis das 40 obras presentadas á convocatoria. A encargada de ler a acta do xurado foi a súa voceira, Anna R. Figueiredo, quen empregou expresións como «delicadeza estilística de gran elegancia», «cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, a maternidade e da pertenza a un lugar» para referirse a Illa decepción. Tamén salientou que se trata dunha novela de auto representación, escrita «con admirable dominio dos recursos expresivos» e «cunha prosa depurada na que nada sobra e todo é substantivo». En definitiva, «unha extraordinaria novela de autorrepresentación que revela unha voz poderosa, actual e na procura de identidade en todos os niveis». É a segunda vez que Berta Dávila faise co galardón, a anterior no 2013, coa obra O derradeiro libro de Emma Olsen.

O galardón está dotado con 12.000 euros e será entregado á autora da novela a finais de novembro. A Editorial Galaxia será a encargada de publicar a obra.

No acto de presentación, o presidente da RAG, Victor Freixanes, sinalou que este premio é xa un referente para a narrativa galega contemporánea «con descubrimentos de autores que deixan pegada». De feito, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, indicou que este «é o premio más desexado», mentres que a directora da Refinería Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, recordou que nestes 14 años foron máis de 450 as obras aspirantes ao premio. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmou o compromiso da Consellería de Cultura coa iniciativa, mentres que Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, dixo que iniciativas coma esta «abrazan soños para o futuro da literatura galega».

O xurado estaba composto por Carlos González Lema, Antón Lopo, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Anna R. Figueiredo.