Xiao Varela: «Na Marea deberiamos ter medido mellor as nosas forzas»

Tras catro anos no goberno e 15 meses na oposición, acaba de anunciar a súa marcha da política


A Coruña / la voz

Xiao Varela (A Coruña, 1978) foi concelleiro de Rexeneración Urbana cando gobernou a Marea. Agora é portavoz do grupo. Pero deixará o cargo no próximo pleno e entregará a acta de concelleiro, segundo anunciou. Culpa ao actual goberno. A ninguén máis.

-Houbo algunha gota que rebordara o vaso para tomar a decisión de abandonar a primeira liña da política?

-Non, marcho porque creo que a mellor maneira de levar a cabo políticas a favor da xente é formando parte do goberno. Despois das eleccións, tentei sen éxito que na cidade houbese un goberno de coalición, por tres razóns: porque creo que era o que pedía a maior parte da xente; para dar continuidade ás nosas políticas; e para escorar ao goberno municipal cara á esquerda. Por desgraza o PSOE coruñés tiña outros plans, como demostran as súas políticas conservadoras, e a volta do peor urbanismo vazquista. Iso deixa pouco espazo para o acordo, e converte o pleno nun lugar de confrontación entre as forzas progresistas. Despois de 15 meses buscando sen éxito un clima máis construtivo, creo que é mellor ceder o espazo a outras persoas.

-Con que se queda do seu paso por María Pita?

-O noso mandato tivo moitos acertos e algúns erros. Dende a Concellaría de Rexeneración Urbana traballamos pola xustiza social e pola defensa do público. As máis de 600 obras que fixemos contribuíron a reducir as desigualdades entre as persoas e os barrios. Tamén destaco a protección de todo o bordo litoral.

-Quedou algo que lle tería gustado facer e que polos motivos que foran non puido ser?

-Modificar o plan xeral para protexer o bordo litoral da especulación. Agora o PSOE conta cos nosos votos para ter a maioría necesaria no pleno.

-Cal foi o peor momento? O concurso de vivendas públicas?

-Non. O concurso de compra de vivenda foi un momento amargo porque puxo en evidencia as malas artes da oposición, á que a xustiza colocou no seu lugar sentenciando que un erro administrativo non é comparable coas corruptelas ás que nos teñen acostumados. O peor momento vivino no Consello de Administración da Autoridade Portuaria onde, co meu único voto en contra, se aprobou a venda da Solana. Ese día sufrín a peor perversión da política. Afortunadamente, grazas á loita da cidadanía, conseguiuse que a Solana non se privatizase.

-Hai xente que pensa que o seu adeus á política débese a desencontros con membros da súa formación...

-Non me preocupa. Fun moi claro cos motivos que me levan a tomar esta decisión.

-Cambiaría algo da política da Marea?

-Deberiamos ter medido mellor as nosas forzas. Gobernar para a maioría supón minar os privilexios duns poucos moi poderosos, aqueles que levan toda a vida mangoneando esta cidade.

-A quen botará máis de menos?

-Ao funcionariado que me demostrou un compromiso enorme e aos meus colaboradores máis directos, Xoán Mosquera e Jorge Cao, sen os que os catro anos de goberno terían sido imposibles.

-Da oposición, de quen leva o mellor recordo?

-A oposición que sufrimos, dentro e fóra, decepcionoume moito. Durante catro anos fomos vítimas dunha oposición tramposa que non dubidou en utilizar a xustiza de maneira deshonesta para facer dano. A día de hoxe aínda seguimos esperando as desculpas de Rosa Gallego, despois de que a xustiza a colocara no seu sitio.

-Cal é a súa posición ao respecto da disolución de En Marea?

- A historia de En Marea ten que facernos aprender que anos de conflitos abertos e públicos non son beneficiosos para ninguén.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Xiao Varela: «Na Marea deberiamos ter medido mellor as nosas forzas»