«Teño máis de 500 variedades de tomate... pero hai 20.000»

R. G. A CORUÑA

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Begoña Pena cultiva, vende e ten un banco de sementes autóctonas «que están en custodia para que non se perdan»

07 sep 2020 . Actualizado a las 09:03 h.

Dicir que é unha especialista en tomates é pouco. Begoña Pena Cacheiro sabe ata o que «pensan»: «O tomate non se pode meter no frío porque pensa que ven o inverno, baixa os azúcraos e nunca vai saber ben». Fala con paixón de algo que empezou «en plan de broma cos meus avós: pedía semente de tomate a China, a Romanía e a Estados Unidos. Levo case 20 anos recollendo semente».

Baixo a firma Olor e sabor comercializa os produtos da súa horta sostible de Bergondo na que hai desde placas solares a acumuladores de auga, non emprega pesticidas e fai rotación de cultivos. Ademais doutras cousas como que ten «morcegos para que coman os mosquitos». O seu obxectivo é «facer algo diferente e de calidade, máis que de cantidade». Na súa horta «a estrela é o tomate. Agora mesmo estou acabando de preparar unha cesta de cinco quilos que leva 30 variedades de tomate que marcha para Madrid». E fala do negro de Santiago, o avoa de cedo ou o apimentado «que apenas ten semente e por iso gusta moito».

Begoña explica: «Teño máis de 500 variedades de tomates...» e ante o asombro pola cantidade aclara que en realidade «son poucas, porque hai máis de 20.000 variedades». Doce das que ten son de tomates autóctonos, un banco de semente que lle deixa en depósito o centro de investigacións de Mabegondo e que «están en custodia para que non se perdan».

Loxicamente non pode cultivar de todas as variedades e por iso cada ano planta «unhas variedades fixas e outras que vou cambiando xa que son parecidas pero planto en menos cantidade». De tódolos xeitos, «nunca hai un tomate igual a outro», e pon como exemplo aos seus fillos xemelgos: «A nena é morena e o neno louro». Conta que leva ela soa todo, da horta a comercialización, e por iso as veces está «coas sementes dos tomates e vendo unha serie de Neflix. Non é doado conciliar». Na horta «non teño unha fila de tomates todos iguales. A xente que ven chámalle a atención as súas cores». Insiste en que a súa idea «é facer cousas diferentes para chegar a xente diferente». Hostalería e particulares son os clientes dos tomates, pero tamén doutros produtos da horta como verduras, hortalizas, amorodos, pementos picantes ou kiwiños «que son pequenos como unha cereixa. É unha novidade que se cultiva con facilidade e produce bastante». O nome da empresa «é polo tomate: no que te fixas primeiro é no olor» e considera que o feito de estar na Marca Reserva da Biosfera axuda a «visualizar o sector».