Os 30 produtores tradicionais das Mariñas suman 15 restaurantes ao seu proxecto

Rodri García A CORUÑA

A CORUÑA

De amorodos a viño, pasando por froitas, lácteos, marmeladas, hortalizas ou plantas aromáticas. É a colleita dos 30 produtores tradicionais das Mariñas que están acollidos a marca Reserva da Biosfera. Quince restaurantes da comarca sumanse a este selo de calidade e sostenibilidade.

07 sep 2020 . Actualizado a las 08:58 h.

«A marca Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é un distintivo que recoñece aos produtos agroalimentarios e servizos do territorio que ofrecen uns valores acordes co espazo no que se desenvolven». Isto explican desde a entidade que impulsa este selo de calidade. A maior novidade na que veñen traballando desde finais do ano pasado é a incorporación de 15 restaurantes que levarán tamén esta marca. Para iso, entre outras cousas, eses locais ofrecerán produtos das Mariñas.

«As veces o restaurante e o produtor son veciños en non o saben», explica Miguel Fernández, técnico da Reserva da Biosfera. Por iso, empezaron a facer xuntanzas nas que dous ou tres produtores explicaban aos donos dos restaurantes o que cultivaban. Agora están pendentes da formación «dun segundo grupo de restauradores que teñen que cumprir unha serie de medidas como é o control enerxético das instalacións, o consumo de produtos locais ou ter na carta viños das Mariñas». Tamén están traballando na elaboración dun menú Reserva da Biosfera que ofertarían os restaurantes. Os establecementos están nalgúns dos 17 concellos que forman parte da Reserva e poderán contar coa marca da mesma despois dun proceso que veuse freado pola pandemia.

Sete anos

Desde que en 2013 a Reserva da Biosfera puxo en marcha esta marca de calidade son 30 produtores os que se acolleron a mesma. A metade deles tamén forman parte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega. Miguel Fernández detalla como a maior parte dos produtores forman empresas unipersoais. En canto ao cambio de actividade dos responsables das mesmas, xa que antes estaban en profesións moi diferentes, este técnico apunta que «é algo curioso e positivo porque aplican cousas que saben da súa profesión a nova e iso é moi interesante». Tamén di que a incorporación á marca da Reserva non ten custe económico para o produtor e permítelle dispor dunha imaxe corporativa común e de material como folletos divulgativos, bolsas e a «asistencia a feiras, aínda que coa pandemia se complicase, e a cursos de formación».

«A marca da Reserva sirve para visibilizar, para dar a coñecer o sector», resume Begoña Pena, da empresa Olor e Sabor, que non ten previsto incorporarse a Craega.

Antes da pandemia varios comedores escolares eran os destinatarios das colleitas de catro das empresas agroalimentarias das Mariñas que teñen o selo de produción ecolóxica. Dada a situación actual, desde a Reserva están promovendo a elaboración de envases «para levar comida para a casa; están feitos con un material de compostaxe, nada de empregar plástico», adianta este técnico.

Conservas tradicionais

O covid-19 está condicionando tamén a produción. Así o explica Nuria Calo, unha arqueóloga que fai unha década fundou en Oleiros As Camposeiras: conservas tradicionais a base de froita e verdura que cultiva na súa finca «ou merca a produtores da Reserva». Conta como «cambiounos moito o traballo. Agora todo o que ven de fóra está en corentena 24 horas». Aínda que está ela soa no taller no que elabora as conservas «traballo sempre con máscara». O virus fai que «non veña a xente».

As tendas pequenas de barrio e a hostalería -«orientado aos menús que teñen»- son os destinatarios destas marmeladas de froita, verduras, salsa cos froitos da arandeira ou cebola confeitada. «É todo feito de maneira artesanal. Unha cocción tranquila que pode durar dúas ou tres horas», explica Nuria. Tamén se encarga das tarefas da horta, «é un traballo no que se respira ben» e no que hai problemas como son a presenza dos xabarís: «Tivemos por aí unha familia con media ducia de crías». Tamén hai raposos, «cada vez máis».

A súa idea e «mercar o máis cerca posible e para vender somos quilómetro cero: mando todo por transporte», aínda que durante o confinamento «levamos gratis os pedidos». Ademais, «estamos preparando a tenda web», di, porque a súa idea é «chegar a toda a península ibérica» con estas marmeladas de sabores tradicionais.

Lembra esta produtora como «a comarca das Mariñas foi a despensa da Coruña, e de Ferrol» e pensa que se debería potenciar a produción tradicional xa que «hai moita finca por aí que se pode cultivar».