Nancy Vázquez: «As novas titulacións influíron para manter aos estudantes»

Francisco Brea
Fran brea A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Nancy Vázquez, vicerreitora de Planificación Académica da UDC
Nancy Vázquez, vicerreitora de Planificación Académica da UDC EDUARDO PEREZ

A vicerreitora de Planificación Académica da UDC espera que o curso comece con «certa normalidade»

15 ago 2020 . Actualizado a las 09:57 h.

A Universidade da Coruña mira xa a un novo ano académico que, como non podía ser doutro xeito, estará marcado pola crise sanitaria. Aínda así, as titulacións que oferta tiveron moita demanda por parte do alumnado que fixo este ano a selectividade. Nancy Vázquez, vicerreitora de Planificación Académica da UDC, asegura estar contenta co interese mostrado polos mozos nos grados da institución coruñesa.

-A rama sanitaria e a educativa foron as que tiveron máis éxito, é o habitual?

-Si. Enfermaría e Fisioterapia son sempre dúas das titulacións coa nota de corte máis alta e nesta ocasión incluso subiron, aínda que iso foi algo xeral. A rama da saúde está ben vista porque ten unha empregabilidade máis alta que outras, polo que din os datos, e penso que este ano tivo algo que ver esta situación marcada pola crise do covid-19. No caso das de educación tamén sempre hai moita demanda e creo que pode ser vocacional. Sabemos de casos de estudantes que non lograron entrar, estiveron un ano noutra carreira e finalmente optaron por repetir os exames da ABAU para acceder.

-Das titulacións máis novas que ofertan, cal é o balance que fan?

-É positivo. No grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía a nota de corte foi de 10,76, polo que está claro que son bos estudantes e chamou a atención entre os mozos. En Galicia era unha das lagoas educativas, xa que non había esta titulación. Tamén Creación Dixital, Animación e Videoxogos está moi ben, cun 11 de nota de corte. E non restou a Comunicación Audiovisual, que a segue a ter alta. Parece que este sector interesa. Xa o din profesores de instituto, que moitos fan a especializade xurídico-social para acceder a estes graos.

-Tamén tivo boa resposta o de Xestión Industrial da Moda?

-O último alumno accedeu cun 10,61, polo que si. E iso que teñen que ter un nivel de inglés equivalente ao B1 e despois pasar a ter un B2, porque no mundo do téxtil é fundamental.

-Hai moita demanda e as prazas non chegan para todos. Que fan os que quedan fóra?

-Poden probar sorte noutra universidade. Se tamén é galega, o que se fai desde un ano e pico para atrás é conseguir un número amplo de recoñecementos para pasar a outra universidade co maior número de créditos xa feitos. Pero para incorporarse despois as prazas ofertadas son limitadas. Ás veces deciden repetir a ABAU, porque creo que quen a segue, conséguea. E tamén está a opción de facer un ciclo superior, obter unha boa nota e logo dar o salto á carreira.

-As novidades axudan a que non decaia o interese por estudar na UDC?

-Todas as universidades estamos loitando contra a baixada de alumnos, que vén marcada pola situación demográfica galega. Aínda así, as novas titulacións si que influíron positivamente para manternos e perder poucos estudantes. Baixaron moito en graos como Arquitectura ou Enxeñería de Camiños, Canais e Portos pola crise anterior, que afectou á construción e á obra pública, aínda que agora estaban recuperando. Tamén, este ano Turismo xa é público e está a ser solicitado, sobre todo o dobre grao con Ciencias Empresariais. A ver que pasa, xa que sería lóxico que xerase interese ao deixar de ser privado, pero, por outra banda, o sector está en crise por culpa do coronavirus.

-Afrontan un curso incerto, xa o teñen todo preparado?

-Temos xa certa experiencia e estamos listos por se nos confinan en períodos determinados. Comezaremos con certa normalidade, pero non será un curso normal. Esperamos un inicio presencial, aínda que nalgunhas facultades, por infraestruturas e o número de alumnos, as sesións maxistrais serán virtuais para evitar aglomeracións. Imos a fomentar que sexa presencial sobre todo cos de primeiro curso, que xa veñen dun segundo de bacharelato anómalo e pódense perder porque son rapaces sensibles. Ademais, será bo para que coñezan aos compañeiros. Dispoñemos dun plan de continxencia sobre como actuar se suspenden as clases presenciais ou se un profesor ou un estudante ten que illarse.