Augusto Pérez, xeógrafo: «Todas as praias da Coruña perderon extensión desde os anos 50»
A CORUÑA
O catedrático da USC aborda a situación do litoral coruñés
10 ago 2020 . Actualizado a las 11:03 h.A crise sanitaria fixo poñer o foco no aforo de persoas nos areais, pero Augusto Pérez Alberti, catedrático da Universidade de Santiago, comenta outro problema que teñen as praias da provincia.
-Que características ten o litoral coruñés?
-Na costa coruñesa pódense marcar dous amplos sectores: o norte de Fisterra e o sur de Fisterra. As praias do norte son máis rochosas e menos recortadas. En cambio ao sur, vese que temos a ría de Muros e a de Arousa que son as máis importantes. Iso tamén fai que a distribución dos areais e a súa extensión sexan diferentes. Son moito máis pequenas na costa norte e máis extensas na zona sur, onde vemos os grandes areais: Carnota, Baldaio, Corrubedo. En cambio na costa norte, salvo Ortigueira, Ponzos ou Valdoviño non hai grandes areais.
-Isto repercute no seu illamento?
-O feito de que sexa unha costa máis recortada e asociada a localidades provoca que a veces na costa norte sexan praias en principio máis urbanizadas e xa un pouco máis abertas ao sur da Coruña. Entre Malpica e Fisterra si que aparecen praias que poderíamos chamar máis visibles. Sobre todo o tramo que vai desde Fisterra a Muxía e toda a zona da Costa da Morte. Son areais que teñen un impacto antrópico menor. Pero todas as praias galegas en principio están bastante visitadas, aínda que tamén as temos bastante naturais. Son pequenas calas que non teñen servicios en moitos casos.
-Temos que concienciarnos máis sobre estado das praias-duna?
-Hai deixar moi claro, e aquí o responsable é Medio Ambiente, que a praia-duna é un sistema que se complementa. Se se erosiona a duna, aumenta a praia, e da praia se alimenta a duna. As dunas hai que protexelas. Cando un ve moitos areais ve que están cheos de camiños. Hai que planificar ben os sistemas dunares: que non se entre polo centro, que é onde ataca máis fortemente polo xeral as olas, tense que entrar polos laterais. A veces sobran pasarelas pola parte central que invitan a que a xente pise por ahí. Hai que manexar doutro xeito os sistemas de praias e de dunas. O Instituto do Territorio ten publicada unha guía de manexo de praias e dunas, simplemente hai que aplicar o que está escrito. Tense que facer un plan moi claro de cada praia no que se diga por onde entrar, por onde saír e toda a area ten que quedar na praia. Porque se ao longo dun verán van 50.000 persoas e cada unha leva medio kilo de area son case 25.000 kilos que ano tras ano causan unha erosión oculta e que é máis importante do que se pensa e a xente non o fai querendo. Todas as praias da Coruña perderon extensión desde os anos 50. Todas.
-Como se atopan agora?
- Eu podo falar pola propia experiencia vivida de praias que eran máis o menos virxes fai 40 anos e que agora xa están moito máis visitadas. A praia de Ponzos, a de Santa Comba ou a de Sartaña, por exemplo, eran areais que antes eran menos accesibles e tiñan un estado de conservación bastante mellor. Eso se está perdendo. Están en fase de degradación. Se non temos unha política clara na conservación cada vez os problemas son maiores.