Inés Rey apela ao carácter aberto do galeguismo coruñés na celebración do centenario do primeiro Día de Galicia

d. g. c. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Ángel Manso

A alcaldesa encabezou un acto conmemorativo no salón de plenos do Concello ao que acudiron representantes de todas as formacións da corporación

25 jul 2020 . Actualizado a las 11:06 h.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, encabezou este venres un acto conmemorativo no salón de plenos do Concello no que representantes de todas as formacións da corporación, autoridades e distintas personalidades de diversos ámbitos da cidade celebraron o centenario do Día de Galicia.

A rexedora falou durante a súa intervención dese fito como unha conquista máis do espírito da cidade, «que hoxe se reivindica como faro de Galicia, como berce e futuro, como actualidade dun país vizoso ao que lle queda moito por facer».

Inés Rey sinalou que con motivo desta efeméride cómpre dicir que a Galicia de dentro de dez anos non pode construírse sen contar coa cidade, e viceversa: «Somos vangarda. A Coruña volve presentarse como o que é, e o que loce nas palabras que presiden a fachada do noso pazo municipal: Cabeza, Garda e Chave, Forza e Antemural do Reino de Galicia».

A alcaldesa tamén asegurou no seu discurso que o coruñesismo actual é «fondamente galeguista, transversal, aberto e remiso ás fronteiras», do mesmo modo en que «nos ensina o Atlántico». Rey destacou diversos aspectos e proxectos da urbe, como a futura Cidade das TIC ou a economía azul, «que debe ter o seu centro nos terreos portuarios», como algúns dos alicerces do futuro tanto da Coruña como de Galicia.

Ademais, parte da súa intervención estivo centrada en destacar a relevancia de asuntos como as políticas de coidados e de sostibilidade, as industrias téxtiles, a sensibilidade social, o feminismo, o progreso e a cultura como motor.

O acto, celebrado no salón de plenos de María Pita, pechouse cunha interpretación do himno galego por parte do coro Cantábile.