Verónica Bolón: «Por non apoiar a investigación, imos ter que mercar a vacina do coronavirus»

A informática fala sen rodeos: «A ciencia neste país está dominada polos homes»


A CORUÑA / LA VOZ

Talento científico made in Galicia e con nome de muller. A profesora de Computación da Facultade de Informática Verónica Bolón (Carballo, 1984) ven de ser elixida membro da Academia Joven de España. Na Universidade da Coruña (UDC) investiga sobre Intelixencia Artificial e é autora de traballos moi citados na área de Aprendizaxe Máquina.

-Isto de ascender profesionalmente en pleno confinamento ten o seu aquel, non si?

-Si, parece que co confinamento o mundo se parou! Pois foi unha sorpresa moi agradable.

-Porque se presentou?

-Porque son das que se apuntan a un bombardeo [risas].

-Para que serven as academias de ciencias?

-Contribúen a promover o papel da ciencia na sociedade.

-O covid-19 reforzou o seu papel?

-Espero que si. A miña impresión é que a ciencia é invisible na sociedade española. Cando pensas nun científico, te imaxinas a alguén cunha bata branca con cobaias ou probetas, pero a investigación está en todos os campos.

-Necesitamos unha vacina xa.

-Si, e onte lin que España vai quedar fóra da alianza europea para fabricar unha vacina para o coronavirus.

-A que atribúe novas como esa?

-Non porque os nosos investigadores non teñan capacidade, senón porque non temos as infraestruturas necesarias. A longo prazo, por non apoiar a investigación, imos ter que pagar postos de traballo doutros países e imos ter que mercar a vacina en vez de producila.

-Conclusión?

-Se esta crise nos trouxo algo, será que a sociedade se decate do valor da investigación.

-Haiche moito talento oculto. E feminino, xa, para parar un tren!

-Si, no mundo da informática todo o mundo coñece a Steve Jobs e a Bill Gates, pero tamén hai enxeñeiras ou mulleres que traballan en intelixencia artificial que son moi boas.

-Por que será?

-A maior parte dos directivos desas empresas son homes.

-Como vai de paridade a súa sociedade científica?

-Está moi ben, somos sete homes e seis mulleres. Iso non é algo habitual. Na Real Academia Galega de Ciencia, hai 30 homes e catro mulleres. Na española, igual... A ver, a ciencia, neste país, está dominada polos homes.

-Na súa carreira, Enxeñería Informática, moita muller non hai.

-Así é. No primeiro ano eramos dez mulleres nunha clase de cen persoas. Teño a sorte de que, no meu grupo, a coordinadora é unha muller e a metade somos mulleres. Ademais, eu nunca penso que non vou ser quen de facer algo por ser muller.

-Muller e investigadora.

-Eu non quero que todas as nenas sexan enxeñeiras pero, si hai algunha nena que o queira ser, que o sexa e non pense que non pode ou que Informática é unha carreira de homes.

-E como chegar a ese punto?

-Hai que traballar nos referentes femininos, por iso hai que tratar de facelas visibles. Eu coordino na Coruña o proxecto Inspira Steam, co que damos clase en aulas de sexto de primaria, para tentar rematar cos estereotipos; que as rapazas estean informadas e decidan con liberdade.

-Como era vostede a esa idade?

-Curiosa e moi observadora.

-Nena de sobresaíntes, seguro.

-Si, sacaba moi boas notas.

-E con todo o que fai a nivel profesional, a súa xente sabe ben de que traballa?

-Ultimamente non o conseguen...

-Que di cando lle preguntan a que se dedica na universidade?

-Fago investigacións, leo moito, vou a congresos e intento probar algoritmos que amosen algo novo, diferente ou mellor. Iso digo.

Talento feminino: Enxeñeira e doutora en Informática, Bolón está comprometida co fomento da vocación tecnolóxica entre as nenas. É secretaria da Asociación de Intelixencia Artificial.

Traballa na Coruña e vive en Carballo: Verónica Bolón sábese privilexiada porque pasou o confinamento nunha casa con xardín, piscina e vistas ao mar en Razo.

«Desenvolvo o “software” que podería funcionar nun pendente intelixente»

Traballa duro e soña en grande. Despois dunha estancia posdoutoramento en Manchester, Verónica Bolón regresou á Universidade da Coruña para seguir investigando sobre intelixencia artificial (IA) e, mais en concreto, co Aprendizaxe Máquina [o chamado machine learning] para big data, un tema en auxe. Xa recibiu varios premios por parte da Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

-As computadoras aprenden?

-Si, aprenden, sempre que se lle dean os exemplos correctos e nunha cantidade abundante. Por exemplo, houbo casos de algoritmos de IA que tomaban decisións que podían parecer racistas, pero o problema non era o algoritmo, o problema era que os datos sobre os que aprendeu estaban sesgados.

-Que aplicacións ten?

-É moi transversal. No meu traballo podo aplicar a intelixencia artificial á medicina, á industria...

-A calquera cousa, hoxe en día.

-Si. Por exemplo, eu traballo con datos de TripAdvisor para tentar recomendar opinións sobre un restaurante en particular que a un usuario lle podan parecer útiles. E teño un proxecto da Fundación BBVA para desenvolver métodos de intelixencia artificial que podan executarse en dispositivos moi pequenos, como un pendente.

-Está a falar dun futuro pendente intelixente?

-Si, eu desenvolvo o software que podería funcionar nun pendente intelixente. Adaptar iso de xeito que funcione cando o hardware é moi pequeno.

-O tamaño non importa?

-Como non habería a necesidade de estar transferindo todo á nube, ese dispositivo podería ser mais pequeno e os teus datos, mais privados, porque xa se computarían no propio dispositivo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Verónica Bolón: «Por non apoiar a investigación, imos ter que mercar a vacina do coronavirus»