O Museo Carlos Maside: un proxecto de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane

Xosé Díaz Arias de Castro

A CORUÑA

Ramón Otero Pedrayo, segundo por la izquierda, en una visita al Museo Carlos Maside en 1971
Ramón Otero Pedrayo, segundo por la izquierda, en una visita al Museo Carlos Maside en 1971

Este ano cúmplese o medio século deste centro de arte contemporánea que alberga obras de Castelao, Maside, Laxeiro ou Maruja Mallo

31 may 2020 . Actualizado a las 23:28 h.

Hai 50 anos, o 18 de maio de 1970, impulsado polo Laboratorio de Formas de Galicia, a sociedade instrumental que Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane tiñan creado en 1967, se inauguraba o Museo de Arte Contenporánea Carlos Maside na localidade sadense do Castro de Samoedo, ao abeiro de Cerámicas do Castro, a factoría industrial e cultural que Isaac Díaz Pardo erguera en 1949. O establecemento dun museo en Galicia que recollera a vangarda artística anterior á Guerra Civil -esquecida, cando non despreciada, pola ditadura-, era unha arela de Luis Seoane que dende os anos sesenta lle viña dando voltas nas conversas que mantiña con Díaz Pardo en Bos Aires.

O proxecto museístico baseábase en recoller o movemento renovador dos anos vinte e trinta para que as novas xeracións coñeceran a historia da arte galega «non contada» ou agochada, de maneira que actuara de estímulo e orientación, eliminando o valeiro que se producira polo illamento na posguerra. Seoane concebía un museo non só como unha actividade para coleccionar e conservar obras de arte, senón como un centro cultural vivo para desenvolver diversas actividades «útiles para a extensión do coñecemento artístico do noso pobo», segundo as súas propias palabras. E así pasou a funcionar o museo, pois neses anos setenta se organizaron ciclos de conferencias, de cine documental, exposicións monográficas -as primeiras exposicións en Galicia de Picasso, Miró ou Grosz-, e un sinfín de actos de diversa índole.

En 1973, coa morte de Picasso, o museo vai ser a única institución de Galicia que organice un acto na súa lembranza cunha proxección sobre a súa obra e a realización dunha pintura-escultura do mito malagueño por parte do pintor Josep Guinovart.

En 1982 inaugurábase a súa sé definitiva nun edificio proxectado polo recentemente finado arquitecto Andrés Fernández-Albalat. Isaac deseñou todos os elementos interiores, desde as escaleiras, as súas varandas e luminarias ata o auditorio e o seu fermoso escenario, unha homenaxe ao construtivismo ruso, que tanto admiraba.

Hoxe o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside está pechado e as súas instalacións sufren as consecuencias do abandono en que se atopa esta histórica institución cultural que alberga obras de Castelao, Souto, Maside, Colmeiro, Seoane, Laxeiro, Eiroa, Granell ou Maruja Mallo, ademais dunha importante colección de pintores da xeración de posguerra, como Reimundo Patiño, Urbano Lugrís, Lago Rivera, Labra, Alberto Datas ou Tino Grandío. No 2018 a Xunta, coñecedora da relevancia do museo, acordou iniciar os estudios previos para proceder á incoación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC). Non será pouca cousa poder recuperar e actualizar o que foi o primeiro e único museo de arte contemporánea de Galicia, que foi ideado e materializado por dous persoeiros tan esenciais para a cultura galega como Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, de quen este ano se celebra o centenario do seu nacemento, efeméride que xunto ao cincuentenario do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside e o cincuentenario da recuperación da actividade industrial de Sargadelos -outro dos importantes emprendementos do binomio Seoane-Díaz Pardo-, merece a nosa lembranza e o noso recoñecemento.