Óscar Pousada, cofundador da Plataforma de Servizos As Mariñas: «A nosa idea é facer un gran mercado de abastos on-line»

A CORUÑA

Puxeron en marcha un portal para agrupar consumidores e produtores da comarca

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Óscar Pousada, un produtor audiovisual, e Xabier Seixo, un programador informático, tiñan en mente crear, a longo prazo, un portal comarcal de empresas, incluso con tenda on-line, un proxecto que aceleraron a raíz do confinamento e que xa está en marcha baixo a denominación Plataforma de Servizos en liña As Mariñas.

-Teñen vocación comarcal con ese nome.

-A filosofía é unha web onde calquera usuario se dá de alta, tanto o consumidor dos produtos, para acceder ás tendas, como os pequenos produtores para poder acceder aos servizos gratuítos que se ofrecen: unha tenda on-line ou a creación dunha páxina web. Estamos rematando un manual de uso, para que saber como organizar un proxecto.

-Que se vai atopar quen visite o portal?

-Unha rede social propia para que a xente se relacione, para que haxa un feedback entre consumidores e produtores; o listado de empresas que teñen tenda on-line, e un gran directorio de empresas da comarca, firmas que non podan ou lles interese estar na plataforma para a venda tamén van ter un espazo.

-En que consiste a proposta?

-A vocación da plataforma é de servizo público. Puxémonos en contacto cos concellos para promocionala e tamén cos produtores que poidan estar interesados. O que facemos é crear un gran mercado de abastos, pretende ser un espazo centralizado de pequenos produtores e cada quen xestiona a súa clientela.

-Que abrangue a plataforma?

-En principio falamos coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, porque somos veciños de Bergondo e comezamos por aí pola proximidade. Presentamos o proxecto xa ao alcalde de Sada, Benito Portela, e á concelleira Laura Rodríguez por se lles interesa espallalo. O que queremos é ver se pode aportar algo a esta situación, porque os hábitos de consumo parece que van cambiar e hai que crear plataformas que xeren sinerxías entre consumidores e produtores, puntos onde saibas que estás axudando a un comercio de proximidade.

-Que gañan se os recursos que ofrecen son de balde?

-Nós non gañamos nada, o que queremos é que aporte solucións. Pensamos que entidades como o GDR Mariñas-Betanzos podería apoiar este proxecto. Buscamos que teña un financiamento para poder ter unha persoa liberada ou para poder mantela aberta.

-Non interveñen na relación entre clientes e produtores.

-Non, só poñemos as ferramentas. Se cadra isto deberíao facer a Administración pública, pero neste momento non está para pensar nestas cousas, nós o que facemos é ofrecer esta solución. A xente á que chamamos estalle interesando porque moitos están pechados, porque non teñen web ou porque ían ao mercado os venres en Bergondo e xa non o poden facer. O portal está enfocado para ese tipo de casos.

-Tamén promoven a formación.

-Creamos xa unha plataforma de formación en liña para a realización de cursos on-line destinada a autónomos, pequenos produtores ou formación a terceiros. Tamén queremos integrar a entidades sociais e de voluntariado que operan na comarca. Xa nos reunimos con Caritas Bergondo para que se integre.