«Gustaríanos moito volver máis a Galicia»

O violinista ourensán actúa mañá co Cuarteto Quiroga e xunto coa Real Filharmonía no Palacio da Ópera


Cibrán Sierra (Ourense, 1979) será un dos protagonistas do concerto que dará a Real Filharmonía de Galicia mañá no Palacio da Ópera ás 20.00 horas, como violinista do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música en 2018.

-Como foi a experiencia de ensaiar coa Real Filharmonía?

-Foi unha experiencia extraordinaria, unha verdadeira gozada. É unha grande orquestra, con excelentes músicos, e traballar co mestre Paul Daniel é facilísimo. Tivemos unha conexión rápida e entendemento mutuo... é case como facer música de cámara a grande escala. Para un cuarteto como o noso, que leva o nome dun violinista galego como Manolo Quiroga polo mundo coa vontade de espallar a nosa memoria cultural, é toda unha ledicia. As dúas orquestras sinfónicas de Galicia son un tesouro que ten o país que, como tal, deberíamos coidar.

-O programa musical titúlase «Xogando con Beethoven», a que idade empezou a xogar coas súas partituras?

-Levo tocando toda a miña vida, coma quen di, pero a relación máis intima con Beethoven empeza co cuarteto de corda, porque é un dos autores máis simbólicos do xénero. É xenial agora facer esta aproximación dende a obra Absolute Jest de John Adams, que colle anaquiños dos últimos dos cuartetos de Beethoven, especialmente os scherzos -as partes ritmicamente máis animadas-, xunto cos das últimas sinfonías e mestúraos coa tradición sinfónica norteamericana, que bebe do minimalismo musical do cine e o pop. É unha cocteleira absolutamente tola, como di o nome, e un reto apaixonante.

-No concerto fará soar un violín do ano 1682, que peculiaridades ten este instrumento?

-No cuarteto todos tocamos instrumentos antigos. Este é unha beleza, un violín construído por Amati, fundador da lutería moderna e mestre de Stradivarius. Ten a particularidade de que pertenceu a Arnold Rosé, concertino da Filharmónica de Viena e primeiro violín do Cuarteto Rosé. Agora está nas miñas mans, pero eu son un simple pasaxeiro na historia deste instrumento, que cando eu o deixe pasará por outros músicos.

-O cuarteto actuou nos escenarios más importantes, cal non pisou que lle gustaría?

-O certo é que nos gustaría moito volver máis a Galicia, máis cando nos dedicamos a espallar a nosa memoria cultural. O curioso é que toquemos con facilidade fóra, en países coma Alemaña, Holanda ou Estados Unidos; e que ao mesmo tempo custe tanto retornar a Galicia. Por iso estes concertos coa Real Filharmonía son especiais.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Gustaríanos moito volver máis a Galicia»