«O Candil», un musical feito en Galicia

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

F. M.

A Escola Galega de Teatro Musical estrea a súa primeira produción, chea de cancións populares

24 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fórum Metropolitano • Hoxe • 21.00 horas • Entradas a 9 euros • Pouco tardou a xente da Escola Galega de Teatro Musical en poñer en marcha a súa primeira produción profesional. Chámase O Candil e estréase hoxe no Fórum Metropolitano, aínda que xa teñen datas cerradas para novas representacións. Iria Lamas, Lucía Sá e Sara Fandiño son as protagonistas deste musical saído desa escola que apenas leva un ano aberta: «Estaba traballando en Madrid pero decidín volver á Coruña para montar unha escola de teatro musical, para traer este teatro pero mesturado con tintes galegos, contando historias autóctonas», conta Fandiño. 

O resultado é esta obra ambientada na Coruña de fai un século que ten como fío condutor o cancioneiro tradicional: «Queríamos unha obra coa que os nosos maiores puidesen empatizar. Por iso collemos o cancioneiro tradicional galego, con todas esas cancións que nos cantaban os nosos avós de pequenos e que seguen soando nas reunións familiares, como O Rodaballo, O Gato, A saia de Carolina ou O Candil, claro», explica a actriz que codirixe a obra xunto a Rosa Puga Davila. E para darlle un toque máis nostálxico e aportarlle ao mesmo tempo veracidade a historia, sitúan a acción nun dos teatros míticos da cidade, o Pabellón Lino: «Tras darlle moitas voltas vimos que era perfecto para a nosa historia. Tiñamos a idea do cuplé que se estilaba moito en Madrid -e que se está recuperando agora- e que por aquí tamén tivo o seu eco. E no Pabellón Lino actuaron La Chelito, Raquel Meller e outras grandes figuras. E ese concepto dunha Coruña tan moderna non está moi difundido», explica Fandiño, que engade que todo isto serviu para meter de paso todo o contexto histórico daquela época: «Foi unha época moi especial, de apertura de mentes. Así que metemos ás Irmandades da Fala, o feminismo, a loita obreira na Fábrica de Tabacos...».

Trátase dun musical en toda regra, cos seus números cantados e, por suposto, música en directo: «Contamos cun pianista que ten solo 19 anos, pero é un auténtico portento. Chámase Lucas López López, é de Monforte e ten xa varios premios internacionais. E ademais metemos castañolas, pandeiretas...», conta Sara Fandiño, que xa está pensando en meter a algúns dos seus alumnos na seguinte obra: «Hai algúns que destacan moito, sobre todo entre os rapaces, que teñen moita cultura de teatro musical», asegura.