O Concello aproba nomear Fillo Adoptivo da Coruña a Arsenio Iglesias Pardo

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

A comisión de Honras e Distincións aprobou tamén dedicarlle unha rúa ao deportivista e a Cidade Deportiva da Torre levará o seu nome

10 ene 2020 . Actualizado a las 18:47 h.

A comisión de Honras e Distincións municipal aprobou esta mañá outorgarlle o título de Fillo Adoptivo da cidade a Arsenio Iglesias Pardo, exxogador e exadestrador do Deportivo polos seus méritos persoais, deportivos e polo labor desenvolto promovendo a cidade, así como polo seu recoñecemento social. Ademais, o Concello dedicaralle unha rúa ao deportivista e a Cidade Deportiva da Torre pasará a chamarse Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias. A iniciativa, que contou co apoio de todos os grupos municipais, deberá ser agora aprobada polo Pleno.

O informe da comisión recolle que a figura de Arsenio Iglesias Pardo non require presentación na cidade. O seu nome está ligado aos momentos máis sobresalientes dese patrimonio colectivo que é o Real Club Deportivo de La Coruña, alén de constituír, por si mesmo, un dos máis relevantes deportistas e profesionais ligados ao deporte de elite que ten levado o nome da nosa cidade, da cidade veciña de Arteixo, da que é natural, e de Galicia enteira por todos os lugares do mundo en que os seus éxitos deportivos tiveron repercusión.

A súa traxectoria deportiva, primeiro como futbolista e máis tarde como adestrador, entre outros, do Deportivo, do Real Madrid e da Selección galega de fútbol, está ligada ás máis senlleiras páxinas da historia deportiva da cidade, en vitorias obxectivas (como a da Copa da S. M. O Rei de 1995) e tamén e moi especialmente con emocións colectivas da cidade, na consecución de ascensos e pelexadas permanencias de categoría ou na traxectoria europea do Deportivo.

Todos os éxitos deportivos de Arsenio minguan, en calquera caso, ao carón da súa faceta humana, do sentido que soubo e segue a saber dar a unha forma de entender o deporte e a vida tan peculiar, tan apreciada e tan nosa. O nome da Coruña chegou ao mundo enteiro tamén grazas ao traballo de Arsenio Iglesias, como cabeza dese embaixador oficioso coruñés que foi o Deportivo nese tempo.

Doutra banda, a Comisión de Honras estudará nos próximos meses o nomeamento do xornalista Pedro de Llano como Fillo Predilecto da cidade e as solicitudes para lles dedicar nomes de rúas, prazas ou espazos públicos ao párroco Manuel Pereiro Seoane, ao pintor Leonardo Recouso Ramos (Xoxardo), a «Liberdade de Educación» e ao servizo de gardacostas Sasemar- Helimer.