«Temos toda a historia de Follas Novas metida no ordenador»

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

O presidente da coral fai balance dos seus anos dentro da asociación musical, no seu 75 aniversario

25 oct 2019 . Actualizado a las 08:54 h.

Naceu en Ferrol, pero leva 44 anos vivindo na Coruña. Aos seus 70 anos (1949), Fernando Sandino preside a Coral Polifónica Follas Novas, unha das máis importantes da cidade, e que este ano festexa o seu 75 aniversario da refundación. A música sempre foi un piar fundamental na vida deste informático de banca de profesión e pintor por paixón.

—De onde sae esa paixón pola música?

—De familia non, aínda que no grupo de música que tiña con 17 anos estaba un dos meus irmáns. En Ferrol gustaba moito naqueles tempos o de ir cantar aos bares. Non había as cafeterías que hai hoxe. E nós comezamos saíndo a cantar con guitarras cunhas pandillas e logo cantabamos nalgunha cafetería o día de aninovo... E como bailaban co que tocábamos pois decidimos montar un grupo. Nos ía moi ben ata que me casei, con 21 anos, e marchei fora de Galicia. Estiven en Mallorca, en Madrid e finalmente viñen para A Coruña, onde xa levo 44 anos vivindo. A música sempre foi algo que estivo presente na miña vida. Xa fai 23 anos que estou na coral. A mín gustábame moito cantar e seguía cantando en festas familiares e demais.

—Como chega á coral Follas Novas?

—Nin o pensara. O que pasou foi que teño unha amiga que traballaba nunha fotocopistería e nese negocio iba a directora daquela época a facer copias das partituras. E tiña amistade con esta muller, polo que un bo día me dixo: teño a directora de Follas Novas que anda buscando xente. Entón fun, quedei coa directora, fíxome unha proba e entrei fai 23 anos no mes de maio.

—Como foron estes 23 anos?

—Transcurriron dunha forma que unhas veces foi mellor e outras peor. Pero sempre moi implicado coa coral porque estiven como dez ou doce anos na directiva. Cada día hai que traballar máis nas corais porque non só hai que prepararse para cantar, que normalmente os directores e presidentes anteriores non cantaban na coral, senón que soamente eran presidentes. Pero como eu, que me gusta a música, canto na coral... hai que buscar actuacións, hai que facer todos os traballos de ordenador, as relacións co concello... Esto da moito traballo. É como unha empresa pequena pero sen cobrar.

—O salario daquela proviña doutra profesión...

—Eu traballei de informático no Banco Pastor da Coruña. Entón tiña a sorte de que, desde fai 25 anos, as tardes tíñaas libres e podía ir aos ensaios. Acostumbrei a cantar coa coral ata que chegou o momento en que por unhas cousas ou por outras me vin abocado a ser presidente da coral. E ahí estou desde hai seis anos. Teño sorte porque estou moi ben acompañado. Pero o meu traballo gústame tanto que non quero deixar de programar nunca. Sempre hai algunha cousa que facer por ahí. Teño na coral todo informatizado. Temos toda a historia de Follas Novas metida no ordenador.

—Ademais da música tamén ten interese noutras artes, como a pintura.

— [Risas] Tamén, tamén... Pinto e sobre todo fago plumiñas. E me gusta máis o branco e negro que a cor. Aínda que tamén fago en cor. Non vivo desto, que son un afeccionado. Diría que son un afeccionado de case todo, porque me gustan moitas cousas. Moitas, pero esta gústame especialmente e a familia téñoa toda provista con plumiñas miñas. Tamén pinto con acuarela, con óleo... Esta afección venme desde neno. Meu pai era un manitas, facía un pouco de todo, e se lle daba moi ben o tema do debuxo. Entón eu miraba sempre desde cativo, e desde aquela enchín moitas follas de debuxo e incluso fun a concursos de pintura no chan, que antes había cando era neno. Toda a vida me gustou.